Quedan excluídas do modelo de xestión descrito as pilas e acumuladores portátiles usados que xeran as empresas na súa propia actividade (pilas e acumuladores industriais e de automoción). Neste caso a empresa, como produtor de residuos perigosos, ten a obriga de facer entrega das pilas e acumuladores portátiles usados directamente a un xestor autorizado e sufragar os custos de xestión.
Os produtores son os responsables da recollida e xestión da mesma cantidade de pilas e acumuladores usados que poñen no mercado, e a modalidade pola que optan os produtores para cumprir con esta obriga é a de participar nun SIX autorizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
Deste xeito atribúese a xestión das pilas e acumuladores portátiles usados aos SIX. Para levar a cabo a recollida, almacenamento, tratamento e eliminación dos RPA portátiles os SIX teñen que implatar un sistema de recollida selectiva, e para iso, inicialmente, establecer os puntos de recollida selectiva (PRS) e os puntos de recollida municipal (PRM), e logo os axentes económicos que participaran no proceso (transportistas, recicladores,...).
Os usuarios poden depositar os residuos de pilas e acumuladores portátiles usados nos contedores específicos situados en comercios, colexios, na rúa, etc. (PRS) ou levalos directamente a un punto limpo (PRM).
Cando os contedores están cheos ou o prazo de almacenamento poida superar os seis meses, a retirada destes residuos pode realizarse de dúas formas, ou ben tras a solicitude do concello a unha empresa autorizada para iso, ou ben mediante a solicitude de recollida de RPA portátiles por parte do concello á Oficina de Coordinación dos sistemas integrados de xestión de pilas e acumuladores (OFIPILAS).
Dende OFIPILAS coordínanse todas as recollidas de RPA portátiles usados en todos aqueles concellos adheridos ao Convenio Marco de colaboración entre a Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as Entidades Xestoras dos Sistemas Integrados de Xestión de Residuos de Pilas e Acumuladores, ou que manteñen acordos directamente coas Entidades Xestoras dos SIX de RPA portátiles.
A retirada de RPA portátiles usados deberá efectuarse por parte da empresa contratada polos SIX no prazo dos 15 días laborais seguintes á data de solicitude da recollida.
Os residuos de pilas e acumuladores son trasladados a centros de almacenamento temporal e dende alí ata as plantas de clasificación, tratamento e reciclaxe, que teñen que estar autorizadas polo órgano competente. Nestas plantas realízanse diferentes operacións de reciclaxe en función dos diferentes tipos de pilas e acumuladores que se traten.
Tras someter aos residuos de pilas e acumuladores aos correspondentes procesos de reciclaxe segundo os tipos de pilas obtéñense produtos como os plásticos que formaban as carcasas, compoñentes férricos, metais como níquel, manganeso, zinc, cadmio, chumbo, mercurio,... e outros materiais que formaban parte dos residuos. Estes produtos teñen destinos e usos diferentes como por exemplo: o aceiro para industrias consumidoras de este, as escouras inertes de manganeso úsanse como material de recheo o na construción, o zinc na industria do aceiro para procesos de galvanizado, o cadmio reutilízase na fabricación de baterías, as placas de chumbo mándanse a fundición para a fabricación de novas placas de chumbo,...
Os metais que forman parte dos residuos de pilas e acumuladores como o zinc, cadmio, mercurio, níquel que son separados e tratados nas plantas son potencialmente perigosos para a saúde e altamente contaminantes do solo e da auga. En consecuencia, a intervención por parte dos cidadáns na recollida selectiva dos residuos de pilas e acumuladores, empregando os puntos de recollida selectiva é de vital importancia pois deste xeito pódense reciclar eses metais tan contaminantes para o ambiente e evitar que vaian a parar o lugares non desexados.