Como se xestionan os pneumáticos?

Os SIX non teñen obrigación de recoller os pneumáticos dos desguaces ao non estar estes contemplados no Real Decreto 1619/2005 .

Son os produtores de pneumáticos os que están obrigados a recibir os pneumáticos fóra de uso ata a cantidade posta por eles no mercado de reposición, segundo o establecido no Real Decreto 1619/2005, do 30 de decembro, sobra a xestión de pneumáticos fóra de uso, e ao mesmo tempo garantir que todos estes pneumáticos fóra de uso se xestionen correctamente.

Para cumprir coas súas obrigas os produtores ou ben realizan a xestión dos pneumáticos fóra de uso directamente, ou os entregan a un xestor autorizado de pneumáticos fóra de uso , ou ben a través dun sistema integrado de xestión (SIX) o cal garantirá a recollida de pneumáticos fóra de uso e a súa correcta xestión.

Por outra banda, os xeradores de pneumáticos fóra de uso deben facerse cargo daqueles que xeren como consecuencia da prestación dun servizo dentro do marco das súa actividades. Os xeradores e posuidores están obrigados a entregar os pneumáticos fóra de uso ao produtor de pneumáticos, ou a un xestor autorizado, ou a xestionalos eles mesmo actividade para a cal precisan de autorización.

O sistema loxístico empregado polos sistemas integrados de xestión cubre todas as operacións de xestión, é dicir, recollida, transporte e tratamento dos pneumáticos fóra de uso. Estas operacións son realizadas por xestores autorizados para a xestión de pneumáticos fóra de uso.

O modo de operar dos SIX é o seguinte:

Os centros de xeración de pneumáticos fóra de uso (talleres, ....) teñen que estar acreditados na aplicación informática que os SIX poñen ao servizo dos mesmos converténdose deste xeito en Puntos de xeración acreditados.

ANO

PUNTOS ACREDITADOS

2010

3.040

2011

3.425

2012

3.228

2013

3.422

2014

2.176

O punto de xeración acreditado pode solicitar a recollida de pneumáticos fóra de uso que ten acumulados na súa instalación a través do sistema informático ou por fax, sendo empresas xestoras autorizadas contratadas polos SIX as encargadas de recoller gratuitamente estes pneumáticos.

As empresas recolledoras levan os pneumáticos fóra de uso a Centros de recollida e clasificación dende onde saen para as instalacións de trituración e/ou granulación, que preparan os pneumáticos para as diferentes plantas de reciclado ou valorización obténdose, respectivamente, produtos para diferentes aplicacións ou enerxía.

O destino que se lle pode dar aos pneumáticos fóra de uso pode ser:

  • Reutilización: pneumáticos de ocasión e recauchutado.
  • Reciclado: en obra civil (barreiras de protección, recheos de terraplén,....), os produtos obtidos como o caucho aplícase en mesturas asfálticas, solos de seguridade, pistas deportivas, .....
  • Valorización enerxética: como combustible en cementeiras e acerías, xeración de electricidade,...

Repercusión do custo da xestión na factura

A xestión dos pneumáticos fóra de uso que realizan os SIX fináncianse mediante a achega por parte dos produtores adheridos dunha cantidade acordada “ECOTASA” por cada pneumático de reposición posto por primeira vez no mercado nacional.