Inicio Indicadores

Indicadores

Os indicadores ambientais

Nesta páxina faise un breve resumo dos indicadores ambientais.

Que é un indicador ambiental?

Segundo a definición dada pola OCDE, un indicador é un parámetro ou valor derivado doutros parámetros, dirixido a prover información e describir o estado dun fenómeno cun significado engadido maior que o directamente asociado ao seu propio valor.

A Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) define un indicador ambiental como unha medida que pode ser usada para ilustrar e comunicar un fenómeno complexo de maneira simple, incluíndo tendencias e progresos ao longo do tempo.

De acordo coa definición do ministerio con competencia en Medio Ambiente , un indicador ambiental é unha variable que foi socialmente dotada dun significado engadido ao derivado da súa propia configuración científica, co fin de reflectir de xeito sintético unha preocupación social con respecto ao medio ambiente e inxerida coherentemente no proceso de toma de decisións.

Por qué necesitamos indicadores ambientais?

Respecto a súa utilidade, os indicadores ambientais presentan as seguintes funcións principais:

  • Prover información sobre os problemas ambientais.

  • Apoiar o desenvolvemento de políticas e o establecemento de prioridades, identificando os factores clave de presión sobre o medio ambiente.

  • Contribuír ao seguimento das políticas de resposta e especialmente sobre as de integración.

  • Ser unha ferramenta para difusión de información en todos os niveis, tanto para responsables políticos, expertos ou científicos e público xeral.

Obxectivos dos indicadores ambientais

Os principais obxectivos na utilización dos indicadores ambientais son os seguintes:

  • Resumir extensos datos nunha cantidade limitada de información clave significativa.

  • Servir de ferramentas básicas no subministro de información sobre o estado do medio ambiente de xeito que contribúa á concienciación dos xestores públicos e da poboación en xeral.

  • Axudar tanto na elaboración e avaliación das políticas ambientais como na integración de aspectos ambientais nas políticas sectoriais.

En definitiva, os indicadores ambientais refírense a problemas ambientais socialmente relevantes e deben comunicar e orientar a interpretación dun dato, de tal xeito que poidan ser útiles aos procesos de toma de decisións e, en xeral, constitúan unha boa base de consulta, completa e atinxible, para un público amplo e non necesariamente experto.

Criterios que deben cumprir os indicadores ambientais

  • Validez científica: os indicadores deben estar baseados no coñecemento científico, sendo o seu significado claro e inequívoco.

  • Dispoñibilidade e fiabilidade dos datos: Os datos necesarios para o deseño dos indicadores deben ser accesibles e estar baseados en estatísticas fiables.

  • Representatividade: Os indicadores deben estar fortemente asociados ás propiedades que eles mesmos describen e argumentan.

  • Sensibilidade a cambios: O indicador debe responder aos cambios que se producen no medio, reflectindo as tendencias e posibilitando a predición de situacións futuras.

  • Sinxeleza: Os indicadores deben ser medibles e cuantificables con relativa facilidade. Pola súa vez, teñen que ser claros, simples e específicos, facilitando a súa comprensión por non especialistas que vaian facer uso dos mesmos.

  • Relevancia e utilidade: Os indicadores non só teñen que ser relevantes a nivel científico, senón tamén a nivel político, xa que deben ser útiles na toma de decisións.

  • Comparables: A información que aporten os indicadores debe permitir a comparación a distintas escalas territoriais e temporais.

  • Razoable relación custo/beneficio: O custo de obtención de información debe estar compensado coa utilidade da información obtida.