Voluminosos

Os residuos voluminosos deben ser obxecto dun tipo de recollida especial e dun tratamento diferente dependendo das súas características

Son denominados “residuos voluminosos” os residuos que polas súas dimensións ou características especiais non poden ser xestionados mediante o seu depósito nos colectores da rúa como o resto dos residuos domésticos, destacan:

  • Mobles (cadeiras, sofás, armarios, mesas, etc.)
  • Colchóns e somieres
  • Electrodomésticos de liña branca (lavadoras, frigoríficos, etc.)
  • Televisores e outros aparatos eléctricos

Analizando a composición deste fluxo de residuos atopamos os seguintes materiais: metais férricos, metais non férricos, madeira, plásticos, espumas, téxtiles, etc.

Debido a que estes materiais son reciclables o PXRUG establece para o ano 2020 un obxectivo do 20% de valorización material total desta fracción, así como un incremento da recuperación por reutilización ou reciclaxe.

O ciclo dos residuos voluminosos

Cando necesitemos desfacernos dun residuo voluminoso xerado no noso fogar debemos:

  • Chamar ao servizo de recollida a demanda porta a porta no caso de que o noso concello o teña implantado ou achegalo ao punto limpo máis próximo. Prema aquí para consultar a rede de puntos limpos de Galicia.

ou

  • Chamar a unha organización social que os repare ou seleccione e que se atope autorizada como xestor de residuos para que pase a recollelo. Prema aquí se desexa consultar as instalacións autorizadas en Galicia introducindo no campo de Actividade a actividade de Valorización e no campo LER o código 20 03 07.

O residuo voluminoso en función do seu estado será reutilizable ou non reutilizable.

En caso de ser reutilizable tras unha operación de limpeza, reparación e acondicionamento poderá ser posto á venta como produto de segunda man.

En caso de non ser reutilizable será clasificado segundo a súa natureza e sometido a un tratamento de reciclado final adaptado a cada material.