Os puntos limpos son instalacións cun equipamento axeitado para a recepción, separación selectiva e almacenamento temporal de residuos de orixe doméstica de especiais características.
O obxectivo fundamental destas instalacións consiste en poñer a disposición dos cidadáns un espazo para a achega voluntaria de residuos que non poden ser xestionados polos servizos convencionais da recollida de lixo, polo seu tamaño (residuos voluminosos) ou a súa composición (residuos perigosos).
No punto limpo sepáranse os distintos residuos segundo a súa tipoloxía, facilitando o seu tratamento e valorización posterior. Así, evítase que o seu destino final sexan os vertedoiros, a rede de sumidoiros pública ou calquera outro punto de vertido incontrolado, favorecendo a protección e mellora do medio ambiente.
Os residuos aceptados no punto limpo dependen directamente das características da instalación e da dotación de contedores da mesma. Son os concellos os encargados de establecer a segregación a levar a cabo, en función das súas necesidades, equipamento e xestores dispoñibles.
O tempo que un residuo pode permanecer almacenado nun punto limpo non poderá exceder os seis meses, tratándose de residuos perigosos, ou os dous anos no caso dos residuos destinados á valorización.
Así mesmo, é necesario que todos os contedores de residuos estean perfectamente etiquetados, e naqueles que conteñan residuos perigosos indicarase expresamente as características do residuo, as iconas de seguridade e a data de inicio do almacenamento.
As entidades encargadas da explotación (concellos ou empresas concesionarias) deben levar un rexistro documental das entradas de residuos no punto limpo, e das saídas dos mesmos mediante albará ou xustificante de entrega aos xestores autorizados.
Non poden depositarse nun punto limpo os seguintes tipos de residuos:
O portal Abert@s da Xunta de Galicia inclúe, no seu Catálogo de Recursos, toda a información relativa aos Puntos Limpos de Galicia (horarios de apertura, enderezo completo, teléfonos de atención ao público, xestores das instalacións, concellos aos que dá servizo, ano de posta en marcha, investimento da actuación), así como o servizo de busca no mapa, onde se atopan xeorreferenciadas todas estas instalacións para a súa perfecta localización. (Véase mapa de puntos limpios de galicia)