O Real Decreto 1383/2002, do 20 de decembro, sobre xestión de vehículos ao final da súa vida útil, establece medidas para previr a xeración de residuos procedentes dos vehículos, regula a súa recollida e descontaminación ao final da súa vida útil, e as demais operacións de tratamento, coa finalidade de mellorar a eficacia da protección ambiental ao longo do ciclo de vida dos vehículos.
Os vehículos ao final da súa vida útil teñen a consideración de residuos perigosos, e codifícanse dentro da Lista Europea de Residuos co código LER 160104* (Vehículos ó final da súa vida útil).
Os vehículos só terán a consideración de residuos a partir do momento no que sexan entregados a un centro autorizado de tratamento que proceda á súa descontaminación e expida o certificado de destrución.
O titular dun vehículo ao final da súa vida pode optar por unha das seguintes opcións:
Prema aquí se desexa consultar as instalacións (centros autorizados de tratamento) autorizadas en Galicia para o tratamento de vehículos ao final da súa vida útil, introducindo no campo de Actividade detallada a actividade de Descontaminación e desmontaxe de vehículos fóra de uso.
Considéranse Instalacións de recepción de vehículos ás instalacións de titularidade privada, tales como as dos produtores, concesionarios, compañías de seguros, despezamentos, fragmentadores, entre outros, que por razón da súa actividade económica, se fan cargo temporalmente do vehículo ó final da súa vida útil para o seu traslado ós centros de tratamento que realizan a descontaminación.
Denomínanse Centros autorizados de tratamento ás instalacións, públicas ou privadas, autorizadas para realizar calquera das operacións de tratamento dos vehículos ó final da súa vida útil. Os ditos centros garantirán a reutilización, a reciclaxe, a valorización ou a eliminación de vehículos ben por si mesmos ou a través doutros centros de tratamento.
Os centros autorizados de tratamento de vehículos ao final da súa vida útil, máis comunmente coñecidos como desguaces, deben cumprir con uns requisitos técnicos para evitar a contaminación do medio durante as operacións de xestión dos residuos. Estes requisitos recóllense no anexo I do Real Decreto 1383/2002.
O proceso de tratamento dos vehículos realízase mediante unha primeira fase de descontaminación, na que se retiran do vehículos os compoñentes perigosos (aceites, líquido de freos, líquido anticonxelante, residuos de combustible, filtros, baterías,...), para ser posteriormente entregados a un xestor de residuos autorizado, e unha segunda fase de desmontaxe, na que se separan as distintas pezas e materiais dos que está formado o vehículo. Unha parte dos materiais separados entregarase a xestor autorizado como residuos non perigosos, e moitas das pezas separadas serán almacenadas para a súa reutilización.
Os vehículos ao final da súa vida útil, no momento no que se dan de baixa son considerados residuos, segundo o establecido no Real Decreto 1383/2002, e na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solo contaminados.
Polo tanto para poder realizar a actividade de desguace de vehículos a empresa que desexe actuar como centro autorizado de tratamento deberá solicitar autorización como xestor de valorización de residuos perigosos, en concreto, para tratar o residuo con código LER 160104* (Vehículos ao final da súa vida útil), no caso de que realice a descontaminación dos vehículos, ou ben autorización como xestor de valorización de residuos non perigosos para o código LER 160106 (Vehículos ó final da súa vida útil que non conteñan líquidos nin outros compoñentes perigosos), no caso de que actúen como centro de reciclaxe e fragmentación posterior á descontaminación, onde se levará a cabo a separación de pezas para a súa reutilización e outras operacións de fragmentación do vehículo para a reciclaxe das partes.
A solicitude de autorización como xestor de valorización de residuos perigosos ou non perigosos, debe conter a documentación establecida no Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia, e na Lei 22/2011, do 28 de xuño, de residuos e solos contaminados. Se quere consultar o procedemento e a documentación a aportar prema aquí.
Ademais, os proxectos para o desguace de vehículos están contemplados no anexo II (Grupo 9.d, Instalacións de almacenamento de chatarra, incluídos vehículos desbotados e instalacións de desguace) do texto refundido da Lei de Avaliación de Impacto Ambiental de proxectos, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, e posteriores modificacións.
Para poder avaliar se o proxecto se somete ou non a avaliación de impacto ambiental, o titular debe presentar un documento ambiental conforme ao establecido no apartado 1 do artigo 16 do citado Real Decreto.