Se quere xerar os preavisos e os documentos de traslado de forma telemática, acceda á aplicación do SIRGa na sección de Servizos electrónicos
Toda operación de xestión de residuos iníciase coa recollida, e traslado dos residuos desde o punto de xeración (instalacións do produtor de residuos) ata o punto de xestión final (instalacións do xestor autorizado). O procedemento de control dos traslados de residuos perigosos e non perigosos que se realicen por vía pública dentro da Comunidade Autónoma de Galicia atópase establecido no Decreto 59/2009, do 26 de febreiro, polo que se regula a rastrexabilidade dos residuos.
Aqueles traslados de residuos perigosos que teñan inicio ou finalicen noutra comunidade autónoma rexeranse polo procedemento establecido na Lei 22/2011, do 28 de xullo.
O produtor dun residuo perigoso é o titular e responsable de dito residuo ata que é transferido e aceptado por un xestor mediante a firma do documento de control e seguimento dos residuos.
Cando o produtor entrega o residuo a un transportista profesional, para a súa posterior entrega a un xestor que realice o tratamento do residuo, a responsabilidade do residuo que se traslada continúa sendo do produtor ata a efectiva recepción e aceptación por parte do xestor.
O transportista que traslada residuos perigosos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia ten que estar inscrito no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de residuos de Galicia.
Aqueles produtores de residuos perigosos que xeren máis de 10 toneladas/ano e os xestores de residuos perigosos deben utilizar as aplicacións telemáticas habilitadas en SIRGa para a presentación de documentos de traslado de residuos perigosos que se inicien ou finalicen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
O traslado de residuos non perigosos dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, salvo cando se trate de residuos domésticos procedentes dos fogares particulares, deberá quedar documentado mediante un comprobante de entrega.
No caso de traslados entre comunidades autónomas de residuos non perigosos destinados a valorización ou eliminación, deberá cumprirse co procedemento establecido no artigo 25 da lei 22/2011, do 28 de xullo.