O Real decreto 1619/2005, do 30 de decembro, sobre a xestión de pneumáticos fóra de uso, establece o marco específico para as actividades de xestión de pneumáticos usados.
Os pneumáticos fóra de uso teñen a consideración de residuos non perigosos, e codifícanse dentro da Lista Europea de Residuos co código LER 160103 (Pneumáticos fóra de uso).
Os particulares poden entregar os pneumáticos usados no establecemento no que adquiran os novos pneumáticos. Algúns puntos limpos tamén reciben pneumáticos usados.
Os talleres que realicen cambios de pneumáticos ou os establecementos distribuidores deben entregalos aos fabricantes, que se encargarán da recollida a través dos sistemas integrados de xestión (SIX). Consulte aquí os sistemas integrados de xestión autorizados en Galicia para a recollida de pneumáticos.
En Galicia existen varias plantas autorizadas para a xestión de pneumáticos. As instalacións de xestión de pneumáticos fóra de uso deben cumprir cos requisitos establecidos no anexo do Real Decreto 1619/2005, do 30 de decembro:
O tratamento de pneumáticos pode levarse a cabo mediante distintas operacións. Pode realizarse unha operación de preparación para a reutilización, mediante o recauchutado dos pneumáticos, ou ben realizar unha valorización material dos mesmos, fabricando produtos a partir dos pneumáticos mediante distintas técnicas de reciclaxe (vía húmida, vía seca ou vía mixta) como pode ser o triturado e separación das partes metálicas dos pneumáticos. Tamén se pode empregar un tratamento mediante valorización enerxética onde os pneumáticos fóra de uso, sometidos a un pretratamento, son utilizados como combustible alternativo, especialmente en cementeiras. Trátase de exemplos de tratamentos, existen moitas outras tecnoloxías para o tratamento dos pneumáticos, como poden ser a pirólise ou a termólise.
Os materias recuperados a consecuencia da valorización material de pneumáticos teñen numerosas aplicacións, algunhas delas aínda en estudo. Na actualidade estes materiais utilízanse como recheo de campos de céspede artificial en pistas deportivas, como materia prima para a fabricación de lousas nos parques infantís, para a fabricación de mesturas bituminosas con contido en caucho, empréganse en sistemas de drenaxe, nos paneis acústicos, etc.
Para poder realizar actividades de xestión de pneumáticos a empresa deberá solicitar autorización como xestor de valorización de residuos non perigosos, en concreto, para tratar o residuo con código LER 160103 (Pneumáticos fóra de uso).
A solicitude de autorización como xestor de valorización de residuos non perigosos, debe conter a documentación establecida no Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia, e na Lei 22/2011, do 28 de xuño, de residuos e solos contaminados. Se quere consultar o procedemento e a documentación a aportar prema aquí .
Poderase esixir certificado por parte de un Organismo de Control Autorizado conforme as instalacións de xestión de pneumáticos cumpren co Real Decreto 2267/2004, do 3 de decembro, polo que se aproba o regulamento de seguridade contra incendios nos establecementos industriais.
Debe terse en conta que en ningún vertedoiro se poden admitir pneumáticos usados (tanto enteiros como en anacos), salvo os pneumáticos de bicicleta e os de diámetro exterior superior a 1.400 mm, polo que todos os pneumáticos fóra de uso xerados deben ser enviados a un xestor autorizado para o seu tratamento.