Os residuos agrarios son residuos xerados nas actividades do sector primario da economía

En relación a este tipo de residuos, a estratexia de xestión estableceuse no Plan de Xestión de Residuos Agrarios de Galicia

Os residuos agrarios son residuos xerados nas actividades do sector primario da economía (agricultura, gandería, pesca, actividade forestal, …). 

En relación a este tipo de residuos, a estratexia de xestión estableceuse no Plan de Xestión de Residuos Agrarios de Galicia. O obxectivo principal deste plan é xestionar adecuadamente os residuos xerados na actividade agraria, definindo para iso unha serie de actuacións, como a identificación dos impactos xerados pola produción destes residuos, ou o estudo das alternativas de xestión existentes.

A maior parte dos materiais xerados neste tipo de actividades son residuos orgánicos. Moitos dos materiais xerados no campo poden ser autoxestionados directamente no propio lugar onde se producen e nestes casos concretos non se poden considerar residuos porque contribúen de forma moi eficaz a manter os nutrientes do solo.

Algúns exemplos de residuos agrarios xerados neste tipo de actividades do sector primario serían os seguintes:

  • Plásticos de ensilado e invernadoiro
  • Envases fitosanitarios y zoosanitarios (envases de medicamentos, vacinas, produtos de desinfección, ...)
  • Estercos e xurros
  • Cadáveres de animais

A competencia para a concesión de autorizacións administrativas e o control dos residuos agrarios en Galicia corresponde á Consellería de Medio Rural e do Mar e á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras.

A Lei 22/2011, do 28 de xullo non é aplicable por non considerarse residuos o esterco (salvo que se destine á incineración, ós vertedoiros ou sexan utilizados nunha planta de biogás ou de compostaxe), a palla ou outro material natural, agrícola ou silvícola non perigoso, utilizado en explotacións agrícolas e gandeiras, na silvicultura ou na produción de enerxía a base desta biomasa, mediante procedementos ou métodos que non poñan en perigo a saúde humana ou danen ó medio ambiente.

No caso dos cadáveres de animais será de aplicación para a súa eliminación o Regulamento CE nº 1069/2009, do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009 (Regulamento de subprodutos animais e produtos derivados non destinados ao consumo humano).