Inicio Lexislación ambiental

Consulta de lexislación

Diario Oficial de Galicia, 31-12-2002 , Núm. 252, Páx 18009

LEI 8/2002, DO 18 DE DECEMBRO, DE PROTECCIÓN DO AMBIENTE ATMOSFÉRICO DE GALICIA.

Lei 8/2002, do 18 de decembro, de protección do ambiente atmosférico de Galicia. Aínda que o equilibrio atmosférico natural é flexible, resulta alterado e modificado polas emisións antropoxénicas de substancias contaminantes causantes de diversos procesos de contaminación que non coñecen distancias nin fronteiras e os seus efectos poden manifestarse antes de poder protexerse contra eles. A comunidade internacional, consciente de que o estado do ambiente atmosférico é un dos problemas máis prementes da nosa época, promoveu a creación de foros científicos para estudia-los seus efectos e propoñe-las medidas oportunas. O transporte de contaminantes a longas distancias, a chuvia ácida, a destrucción da capa de ozono estratosférico e a acumulación de gases con «efecto invernadoiro» son as súas manifestacións máis significativas. Este último podería ter no futuro alteracións sobre o clima. Esta situación propiciou o consenso de moitos países do mundo para acordar solucións a escala internacional. O convenio marco das Nacións Unidas sobre o cambio climático, adoptado na Conferencia de Río de Xaneiro de 1992, constitúe un fito fundamental para aborda-los problemas do medio ambiente atmosférico desde unha necesaria perspectiva global e baixo a óptica do desenvolvemento sustentable. Sen embargo, as dificultades xurdidas da aprobación do Protocolo de Kyoto en 1997 mostran aínda moitas incertezas acerca da aplicación desta estratexia internacional. En España, a Lei do 22 de decembro de 1972, de protección do ambiente atmosférico, que aínda segue vixente, marca o punto de partida da moderna lexislación ambiental no noso país. Non obstante, a promulgación da Constitución española de 1978 e a profunda transformación operada na distribución territorial do poder coa creación das comunidades autónomas requiren unha nova formulación na xestión do medio ambiente atmosférico. A Comunidade Autónoma de Galicia, en desenvolvemento das competencias asumidas polo seu Estatuto de autonomía, dentro do marco da Constitución (artigo 149.1.23.º), para dictar normas adicionais de protección en materia de medio ambiente (artigo 27.30.º), aprobou a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia. Nesta lei desenvólvense as liñas básicas para o establecemento de normas que, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma, configuran o sistema de defensa, protección, conservación e restauración, se é o caso, do medio ambiente en Galicia e aseguran a utilización racional dos seus recursos naturais. No seu ámbito de protección recóllense, entre os elementos que deben protexerse, o aire e o clima, así como a interacción entre tódolos compoñentes que integran o medio ambiente. Por outra parte, a Comunidade Autónoma aprobou dúas normas legais que afectan moi directamente o medio ambiente atmosférico. Primeiro, a Lei 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre contaminación atmosférica, que pretende limitar mediante un innovador instrumento fiscal a emisión de certos contaminantes producidos en Galicia. E, en segundo lugar, a Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, que supón unha adecuada resposta á inquietude social fronte ós problemas ocasionados polo ruído nas áreas urbanas galegas. Para facer vale-los mandatos constitucionais e estatutarios, esta Lei do ambiente atmosférico de Galicia considérase como unha medida necesaria, tanto para completa-lo subgrupo normativo relativo á atmosfera da Comunidade Autónoma, no que se integran as anteriores leis, coma para conseguir unha mellora continua da calidade do aire no ámbito territorial de Galicia. Nesta lei, que respecta escrupulosamente as competencias básicas do Estado na materia, partiuse do acervo normativo da Unión Europea, que é obrigatorio no noso país desde a adhesión en 1985. De forma particular, ha de mencionarse a publicación da Directiva 1996/62/CE do Consello, do 27 de setembro de 1996, sobre avaliación e xestión da calidade do aire ambiente, que modifica profundamente a normativa actual ó introducir novos parámetros para a protección da calidade do aire, amplia-lo número de contaminantes que hai que controlar e, en xeral, cambia-los sistemas básicos de avaliación. Esta directiva marco foi desenvolvida, ata agora, mediante a aprobación da Directiva 1999/30/CE do Consello, do 22 de abril de 1999, que regulamenta as inmisións de dióxido de xofre, óxidos de nitróxeno, partículas e chumbo, e da Directiva 2000/69/CE, do 4 de decembro de 2000, sobre os valores límite para o benceno e o monóxido de carbono. Tamén no campo do control da contaminación atmosférica ha de terse en conta a recente aprobación da Directiva 2001/80/CE, do 23 de outubro de 2001, sobre a limitación de emisións contaminantes á atmosfera en grandes instalacións de combustión, e da Directiva 2001/81/CEE, do 23 de outubro de 2001, sobre teitos nacionais de emisión de determinados contaminantes atmosféricos. No plano estratéxico comunitario, esta lei debe ser entendida no marco da Estratexia comunitaria contra a acidificación, do Programa europeo fronte ó cambio climático e do Programa aire puro para Europa, que propoñen en eidos diferentes unha reducción moi importante das emisións á atmosfera de determinados contaminantes. Dado o acentuado compoñente técnico da lei, utilizáronse ó longo dela unha terminoloxía e unhas definicións de uso común pola lexislación comunitaria na materia. O obxectivo de mantemento dunha elevada calidade do aire atmosférico que propón a lei ha de levarse a cabo mediante dúas liñas de actuación fundamentais: en primeiro lugar, co establecemento de criterios de calidade (límites de inmisión) para o contido na atmosfera dos distintos contaminantes e, se é o caso, para as taxas de deposición destes sobre os solos, a vexetación, as augas, os materiais, etc.; e, en segundo lugar, coa fixación de límites de emisión para a descarga á atmosfera destes contaminantes producidos nas actividades industriais, tráfico, aglomeracións urbanas, etc., e vertidos a través dunha ampla variedade de fontes emisoras (focos fixos, móbiles, emisións fuxitivas ou difusas). A lei estructúrase tendo en conta catro piares básicos para a adecuada xestión do aire ambiente. No capítulo II, sobre a avaliación e protección da calidade do aire, pártese da existencia duns criterios da calidade de aire, formulados en límites de inmisión ou concentración de contaminantes na atmosfera inmediata ó terreo, que han de respectarse ou, se é o caso, alcanzarse cos medios que a lei recolle. Para a análise do estado do aire resulta primordial o establecemento dunha completa e eficaz rede de vixilancia, que será xestionada pola Administración ambiental de Galicia e que permitirá a necesaria avaliación da súa calidade. Para esta tarefa será necesaria a elaboración do Mapa de cargas e niveis críticos de Galicia, no que se plasme a sensibilidade e vulnerabilidade do territorio galego ante a contaminación e a súa capacidade de asimilación. Por último, as informacións obtidas dos sistemas de vixilancia e avaliación serviranlle de referencia á administración para delimitar aquelas zonas e aglomeracións urbanas que requiren medidas de protección especiais para as que a lei prevé unha serie de instrumentos cos que logra-los obxectivos da calidade do aire. O segundo elemento central do sistema deseñado pola lei é a actividade que lles compete principalmente ás administracións públicas para o control das actividades potencialmente contaminantes, que se regula no capítulo III. Neste sentido, a previa autorización para o inicio da actividade ou o establecemento da instalación resulta primordial para a prevención da contaminación atmosférica por encima dos parámetros legais. Sen dúbida, a inminente aplicación dos sistemas de prevención e control integrados da contaminación supoñerán un importante paso para unha xestión global e coordinada do medio ambiente. Ademais do tradicional control das emisións procedentes de focos fixos, a lei regula o doutras emisións non menos perniciosas, como son as difusas e fuxitivas derivadas de certas actividades industriais. O capítulo IV recolle un elenco de instrumentos que teñen por finalidade o fomento da calidade do aire ambiente. De entre eles destacan as medidas de apoio financeiro para reducir progresivamente as emisións das actividades contaminantes e alcanzar con maior celeridade os obxectivos da lei. Propúgnase, así mesmo, a utilización dos pactos ou acordos voluntarios entre a administración e a industria, tal como recomendou a Unión Europea. Por outra parte, a colaboración das institucións científicas e de investigación e a sensibilización cidadá para atalla-los problemas derivados da contaminación vólvense imprescindibles, o mesmo que a integración desta perspectiva na formulación doutras políticas sectoriais desenvolvidas pola Comunidade Autónoma. A información sobre o estado do medio ambiente atmosférico, tanto ó público en xeral coma entre os organismos competentes, é outra das claves da política galega sobre a protección atmosférica, obxecto do capítulo V. A normativa comunitaria préstalle unha especial atención a esta actividade de difusión da información dispoñible, que permitirá a participación dos cidadáns na xestión do aire ambiente e fará vale-lo seu recoñecido dereito á información ambiental. Así mesmo, recóllese esta participación nos procedementos de autorización de actividades potencialmente contaminantes á atmosfera, tal como se prevé na dita normativa. Por último, os capítulos VI e VII conteñen as disposicións pertinentes para delimita-las funcións das administracións públicas competentes nesta materia, así como o aparato disciplinario que é necesario para facer cumpri-la lei. Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a Lei de protección do ambiente atmosférico de Galicia. Capítulo I Disposicións xerais Artigo 1. Obxecto da lei. 1. Esta lei ten por obxecto o establecemento, na Comunidade Autónoma de Galicia e dentro do marco das súas competencias, das normas, dos criterios e das técnicas de ordenación para manter un alto nivel de calidade do aire ambiente e mellorala, se é o caso, así como para previr, vixiar e reduci-la contaminación atmosférica. 2. O fin primordial desta lei, orientada de cara á consecución dun desenvolvemento sustentable, é evita-la contaminación atmosférica producida polo home, directa ou indirectamente, mediante a introducción na atmosfera de contaminantes que, por si mesmos ou como consecuencia da súa transformación, poidan inducir efectos nocivos, prexudiciais ou molestos sobre a saúde humana, os ecosistemas e hábitats implantados en solos ou augas, a paisaxe, os recursos naturais, os materiais, incluído o patrimonio histórico, o clima ou a propia calidade fisicoquímica do aire. Artigo 2. Liñas de actuación. Para alcanza-los fins e obxectivos do artigo anterior procederase ó desenvolvemento das seguintes accións: a) A definición e o establecemento dos obxectivos da calidade do aire para os diferentes contaminantes e a fixación de límites de emisión para as actividades potencialmente contaminantes. b) A avaliación da calidade do aire ambiente. c) A elaboración de información adecuada sobre o estado do medio ambiente atmosférico e a súa posta en coñecemento do público en xeral. d) O mantemento e a defensa dun alto nivel de calidade do aire ambiente e a mellora, se é o caso. e) A adopción das medidas necesarias co fin de contribuír á solución ou mitigación dos problemas ambientais de alcance planetario ou internacional como a chuvia ácida, o cambio climático, a destrucción da capa de ozono e os fluxos transfronteirizos de contaminantes. Artigo 3. Principios. Os principios que inspiran a acción pública en favor da protección e da mellora do ambiente atmosférico en Galicia, e que servirán para o desenvolvemento do seu marco normativo, son: a) O desenvolvemento sustentable, que debe constituír un obxectivo básico de aplicación a tódalas actividades humanas con incidencia sobre o ambiente atmosférico, mediante a utilización racional de tódolos recursos, renovables ou non, que permita a conservación e rexeneración dos ecosistemas e, se é o caso, dos propios recursos. b) O de prevención, mediante a adopción das medidas que eviten a formación de contaminantes ou a súa emisión, con preferencia ó establecemento de medidas de corrección ou de restauración. c) O de precaución, adoptando medidas cando existan indicios de riscos graves para a saúde humana ou o medio ambiente, aínda no caso de que non poida xustificarse claramente o nexo causal sobre a base das probas científicas dispoñibles. d) A transparencia da administración na información á sociedade, relativa ó estado do medio ambiente atmosférico, e a participación cidadá na adopción de decisións sobre esta materia. e) O de integración, incorporando as esixencias de protección do aire ambiente nas diferentes políticas sectoriais xestionadas pola Administración pública de Galicia. f) A coordinación e a unidade de xestión entre tódolos organismos competentes de Galicia na protección do ambiente atmosférico, así como a colaboración e cooperación con outras administracións internacionais, estatais e autonómicas, tendo en conta o carácter transfronteirizo da contaminación atmosférica. g) O control integrado da contaminación de maneira que, trala análise das circunstancias concorrentes, calquera actuación de prevención ou control da contaminación atmosférica non supoña unha incidencia negativa sobre os outros medios ou recursos naturais. h) A adaptación ó desenvolvemento científico e técnico, facendo uso das mellores técnicas dispoñibles dentro dos condicionantes económicos aceptables, mediante a aplicación, se é o caso, da análise custo-beneficio. i) A subsidiaridade na xestión pública, procurando o nivel máis adecuado da administración para o logro dos obxectivos de calidade ambiental. j) A solidariedade colectiva e a responsabilidade compartida de tódolos axentes económicos e sociais, promovendo a formación de pactos ambientais ou outro tipo de instrumentos voluntarios, en particular coa industria, co fin de lograr melloras adicionais na calidade e xestión do aire ambiente. k) O principio de «quen contamina, paga», responsabilizando o contaminador mediante a aplicación de instrumentos económicos e coa internalización dos custos ambientais. Artigo 4. Ámbito de aplicación da lei. 1. Esta lei obrigará, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma baixo a súa competencia, a toda persoa física ou xurídica, pública ou privada, que realice ou proxecte realizar actividades, permanentes ou esporádicas, industriais e agrarias, de tráfico e transportes, de carácter doméstico e servicios, consideradas potencialmente contaminantes pola normativa vixente e que poidan orixinar emisións puntuais, fuxitivas ou difusas. 2. Quedan suxeitos á aplicación desta lei os contaminantes atmosféricos de natureza química que se relacionan no anexo, e os que no futuro poidan incorporarse por requirimento da normativa estatal e comunitaria. 3. Quedan excluídos da aplicación desta lei, e rexeranse pola súa normativa específica: a) Os ruídos e as vibracións. b) As radiacións ionizantes e non ionizantes. c) A calidade do aire no interior dos lugares de traballo. d) Os Organismos modificados xeneticamente. Artigo 5. Definicións. Para os efectos desta lei entenderase por: 1. Aglomeración: área cunha concentración de poboación de máis de 50.000 habitantes ou cando, sendo igual ou inferior a esta cifra, ten unha densidade de habitantes por quilómetro cadrado que xustifique a avaliación e o control da calidade do aire ambiente. 2. Aire ambiente: o aire troposférico e exterior. 3. Autorización: decisión escrita pola que se permite explota-la totalidade ou parte dunha instalación, baixo determinadas condicións destinadas a garantir que a instalación responde ós requisitos desta lei. Tal autorización poderá ser válida para unha ou máis instalacións ou partes de instalacións que teñan a mesma localización e sexan explotadas polo mesmo titular. 4. Avaliación: calquera método utilizado para medir, calcular, predicir ou estima-lo nivel dun contaminante no aire ambiente. 5. Carga crítica: estimación cuantitativa da exposición a un ou máis contaminantes por debaixo da cal, de acordo co actual nivel de coñecementos, non se producen efectos adversos significativos sobre os elementos sensibles específicos do medio ambiente. 6. Contaminación atmosférica: introducción na atmosfera polo home, directa ou indirectamente, de substancias ou formas de enerxía que, por si mesmas ou como consecuencia da súa transformación, teñan unha acción nociva de tal natureza que implique un risco sobre a saúde humana ou o medio ambiente, que lles cause danos, inmediatos ou diferidos, ou molestias ás persoas, ós recursos biolóxicos, ós ecosistemas e ós bens de calquera natureza. 7. Contaminante atmosférico: calquera substancia ou forma de enerxía introducida, directa ou indirectamente, polo home no aire ambiente, que poida ter efectos nocivos sobre a saúde humana ou o medio ambiente no seu conxunto, entendéndose como substancia os elementos químicos e os seus compostos, coa excepción dos productos radioactivos e dos organismos modificados xeneticamente. 8. Contorno: espacio nos arredores dunha instalación industrial no que previsiblemente serán máis acusados os efectos das emisións da planta e na que, polo tanto, deberán exercerse unha vixilancia e un seguimento máis coidadosos. 9. Emisión: descarga ou vertido á atmosfera, realizados de forma continua ou con carácter irregular, de substancias ou formas de enerxía procedentes, directa ou indirectamente, de instalacións, equipos e actividades potencialmente contaminantes do aire ambiente. 10. Emisións difusas: emisións producidas por un gran número de pequenos focos puntuais, fixos ou móbiles, e que teñen lugar en toda unha superficie de extensión variable, como son as xeradas polo tránsito nunha rede viaria, as dun centro urbano ou as de explotacións agrícolas. 11. Emisións fuxitivas: emisións gasosas, de olores ou de partículas sólidas, producidas con carácter irregular ou esporádico, das que a súa magnitude depende en gran medida das condicións meteorolóxicas e que se xeran nalgunhas actividades industriais como as canteiras ou minas ó descuberto, e en certas instalacións auxiliares que manexan materiais poeirentos, reactivos ou combustibles. 12. Foco emisor: dispositivo, equipo ou sistema de vertido fixo ou móbil, lugar físico ou superficie nos que os gases residuais resultantes de actividades industriais, urbanas, agrarias ou do transporte entran en contacto co aire ambiente, de forma continua ou irregular, co que se inicia a partir dese punto cal quera eventual proceso de contaminación atmosférica. 13. Gases residuais: productos en forma gasosa que poden conter contaminantes atmosféricos gasosos, sólidos ou líquidos, resultantes da operación dunha instalación ou dun equipo e destinados ó seu vertido final á atmosfera. 14. Indicador ambiental: variable que foi socialmente dotada dun significado engadido ó derivado da súa propia configuración científica, co fin de reflectir de forma sintética unha preocupación social con respecto ó medio ambiente ou de inserila coherentemente no proceso de toma de decisións e para información pública en xeral. 15. Instalación: unidade técnica fixa na que se levan a cabo unha ou máis das actividades de producción industrial, xeración de enerxía, fabricación de productos, tratamento de materiais ou destrucción de residuos, así como calquera outra actividade directamente relacionada con estas que poida ter repercusións sobre as emisións e a contaminación da atmosfera. 16. Instalación existente: instalación que se encontre en funcionamento ou estea autorizada, ou da que se presentase unha solicitude completa de autorización antes da data de entrada en vigor desta lei, sempre que a súa posta en marcha se realice no prazo de dous anos desde a vixencia desta lei. 17. Límite de alerta: nivel de inmisión a partir do cal unha exposición de curta duración supón un risco para a saúde humana; no dito caso a administración deberá adoptar medidas inmediatas, así como informa-la poboación. 18. Límite de emisión: masa expresada en relación con determinados parámetros específicos, a concentración ou o nivel dunha emisión, cun valor que non debe superarse dentro dun ou de varios períodos determinados. 19. Límite de inmisión: concentración máxima admisible dun contaminante dado no aire ambiente, baseada en coñecementos científicos e establecida co fin de evitar, previr ou reduci-los efectos nocivos para a saúde humana e para o medio ambiente no seu conxunto, que debe alcanzarse nun prazo determinado e non superarse unha vez alcanzado. 20. Mapa de cargas e niveis críticos: aquel conxunto de informacións sobre os elementos que constitúen o medio e que permiten avalia-la incidencia das emisións de contaminantes vertidas á atmosfera nunha zona determinada e dictamina-la súa influencia. 21. Marxe de exceso tolerado: porcentaxe do valor límite de inmisión na que este pode excederse temporalmente nas condicións definidas pola normativa. 22. Mellores técnicas dispoñibles: a fase máis eficaz e avanzada de desenvolvemento de actividades tecnolóxicas e das súas formas de explotación, con capacidade demostrada para alcanzar un alto nivel de protección do medio ambiente no seu conxunto e accesibles en condicións económica e tecnicamente viables ó titular, que poderían constituír, en principio, a base para o establecemento dos valores límite de emisión. 23. Modificación dunha instalación: cambio das características, do funcionamento e da forma de explotación ou ampliación dunha instalación que poden levar consigo repercusións prexudiciais ou importantes para as persoas ou o medio ambiente. 24. Nivel crítico: concentración de contaminantes na atmosfera por encima da cal, de acordo co actual nivel de coñecementos, poden producirse efectos adversos directos sobre as persoas, o medio ambiente no seu conxunto ou os bens materiais. 25. Nivel de inmisión: concentración dun contaminante no aire ambiente ou o seu depósito en superficies nun momento ou nun período determinados. 26. Titular: calquera persoa física ou xurídica que explote unha instalación ou sexa propietario dela, ou que posúa, directamente ou por delegación, un poder económico determinante sobre a explotación técnica daquela. 27. Valor de referencia obxectivo: nivel de inmisión fixado co fin de evitar a máis longo prazo efectos nocivos para a saúde humana ou para o medio ambiente no seu conxunto, que debe alcanzarse, na medida do posible, nun prazo determinado. 28. Zona: parte do territorio delimitada pola administración para os efectos da avaliación do estado do aire ambiente e, se é o caso, para a aplicación de medidas de mellora e mantemento da calidade da atmosfera. Capítulo II Avaliación e protección da calidade de aire Sección primeira Parámetros da calidade do aire Artigo 6. Criterios xerais. 1. A Administración pública galega adoptará cantas medidas sexan necesarias para mellora-la calidade do aire ambiente e para mantela dentro dos límites legalmente establecidos, que serán de obrigado cumprimento dentro do ámbito de protección da Comunidade Autónoma. 2. Para os efectos do disposto no apartado anterior, serán obxecto de control e vixilancia os contaminantes recollidos nos puntos 1.a) e 1.b) do anexo, sen prexuízo do previsto na normativa estatal vixente. 3. Tamén poderán ser obxecto de adopción de medidas por parte da administración aqueles contaminantes que, se é o caso, se estime preciso considerar especificamente en función das actividades desenvolvidas nunha determinada zona da Comunidade Autónoma de Galicia e de acordo coas directrices recollidas no punto 2 do anexo. Artigo 7. Valores da calidade do aire. 1. De conformidade coa normativa do Estado e da Comunidade Europea, os organismos competentes da Administración pública galega velarán polo cum primento das normas de calidade do aire ambiente, que fixan os valores límite de inmisión e as súas marxes de exceso tolerado, os límites de alerta e os valores de referencia obxectivo dos contaminantes seleccionados, así como os procedementos de avaliación. 2. Sen prexuízo do establecido no apartado anterior, o Goberno da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Medio Ambiente, adoptará plans específicos para o saneamento e a mellora da calidade do aire naquelas áreas nas que se excedan os límites de inmisión ou exista un risco elevado de que isto suceda e nos casos de alerta atmosférica, e desenvolverá plans de acción para o mantemento da calidade da atmosfera nas zonas nas que esta xa alcanza un alto nivel. Sección segunda Vixilancia e avaliación da calidade do aire Artigo 8. Avaliación da calidade do aire. As medicións da calidade do aire serán obrigatorias nos seguintes supostos: 1. Nas aglomeracións definidas no apartado 1 do artigo 5. 2. Nas zonas nas que se superen os límites de inmisión. 3. Nas zonas nas que aínda non superándose os límites de inmisión si existe un risco potencial conforme os parámetros técnicos que se determinarán regulamentariamente. Artigo 9. Rede xeral de vixilancia da calidade do aire de Galicia. 1. A rede xeral de vixilancia da calidade do aire de Galicia integrarana os sistemas de vixilancia e seguimento dos niveis de inmisión localizados nas zonas e aglomeracións urbanas nas que exista unha obriga de control conforme o establecido nesta lei. Para efectos funcionais, estará constituída por tódalas estacións sensoras, de titularidade pública e privada, existentes ou de futura instalación no territorio da Comunidade Autónoma sempre que se adecúen ós criterios e ás técnicas regulamentariamente previstas. A Administración pública galega definirá os criterios que deben seguirse en canto ó número e á localización das estacións de medida conforme a normativa vixente. 2. Para establece-la rede xeral de vixilancia á que se refire o apartado anterior e para instala-los aparellos e as estacións de medición da contaminación atmosférica nos casos que particularmente se determinen, poden impoñerse as servidumes forzosas cando resulten necesarias, coa indemnización previa que corresponda legalmente. 3. A rede xeral de vixilancia establecerá canles de coordinación para efectos funcionais coa rede nacional de vixilancia e previsión da contaminación atmosférica. 4. En determinados casos, logo de resolución motivada, a Administración pública galega poderalles requirir ós titulares das instalacións a implantación de redes e estacións de vixilancia das inmisións dos productos que emiten e que cubrirán o contorno da planta. 5. Os sistemas de mostraxe e medición dos contaminantes responderán a procedementos normalizados que se determinarán regulamentariamente. Esixirase a medición continua dos contaminantes e dos principais parámetros meteorolóxicos e a súa transmisión ó centro de recepción de datos da rede xeral de vixilancia, agás que razóns técnicas impidan a súa realización. 6. A Administración pública galega potenciará a mellora e ampliación dos sistemas de medida e predicción meteorolóxicos da Comunidade Autónoma e o intercambio permanente de información con organismos nacionais e estranxeiros activos neste campo. Artigo 10. Modelización da calidade do aire ambiente. Co fin de cubrir ó máximo o territorio da Comunidade Autónoma, e cando pola súa importancia relativa ou porque razóns técnicas, económicas ou operativas non permitan ou xustifiquen a instalación de sistemas de medición directa, poderá facerse uso doutros procedementos de avaliación da calidade do aire ambiente e en particular da modelización. Para tal efecto, a Administración pública galega establecerá regulamentariamente, en cada caso e de acordo cos medios tecnolóxicos existentes nese momento, os criterios de resolución espacial do modelo, os métodos de avaliación obxectiva e as técnicas de referencia para a súa validación. Artigo 11. Tratamento da información atmosférica. 1. Os datos numéricos obtidos no control da contaminación atmosférica deberaos validar e resumi-la Consellería de Medio Ambiente como paso previo a calquera tipo de difusión. Nesta operación seguiranse criterios de utilización xeral establecidos pola normativa comunitaria que permitan o intercambio recíproco de informacións e datos procedentes de redes e estacións illadas que miden a calidade do aire. 2. A información á que se refire o apartado anterior será a única legalmente válida para: a) Promove-las medidas de mantemento e mellora da calidade do aire. b) Formula-los mapas de cargas e niveis críticos e emprende-las actuacións dirixidas á corrección das emisións. Artigo 12. Mapa de cargas e niveis críticos de Galicia. 1. Co obxectivo de facilita-la aplicación desta lei, a Administración pública galega elaborará e actualizará periodicamente un Mapa de cargas e niveis críticos dos contaminantes que determine a capacidade e a sensibilidade ambiental de todo o territorio da Comunidade Autónoma. A formulación, os contidos e as especificacións do Mapa de cargas e niveis críticos de Galicia, así como o seu procedemento de aprobación, determinaranse regulamentariamente. En todo caso, na súa redacción participarán as entidades locais a través dos comités de coordinación e integración ambiental. 2. Para a súa confección teranse en conta prioritariamente os seguintes datos: a) A distribución da poboación. b) A información dispoñible sobre os usos e as características do solo, e os inventarios da vexetación. c) As condicións meteorolóxicas e fisiográficas. d) A localización das principais actividades contaminantes, os seus focos de emisións atmosféricas e a avaliación destas. e) A calidade do aire existente. f) A localización das zonas especialmente sensibles polo valor do seu patrimonio cultural e ecolóxico. 3. A información resultante do citado mapa utilizarase como referencia na elaboración e revisión dos instrumentos de ordenación territorial e das figuras de planeamento urbanístico previstos pola lexislación galega, e nos procedementos de autorización das actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera. Sección terceira Medidas para o mantemento e a mellora da calidade do aire Artigo 13. Zonas e aglomeracións urbanas. Á vista das determinacións e informacións contidas no Mapa de cargas e niveis críticos ó que se refire o artigo anterior, a Consellería de Medio Ambiente delimitará as aglomeracións urbanas e as zonas da Comunidade Autónoma nas que terán que aplicarse as medidas enunciadas neste capítulo, tales como os plans de saneamento e mellora da calidade do aire en zonas de atmosfera contaminada, a situación de alerta atmosférica ou os plans de acción para o mantemento da calidade do aire. Artigo 14. Plans de saneamento e mellora da calidade do aire en zonas de atmosfera contaminada. 1. Naquelas áreas do territorio da Comunidade Autónoma que fosen declaradas zonas ou aglomeracións urbanas de acordo co previsto polo artigo anterior, e nas que os niveis dun ou máis contaminantes superen ou exista un risco potencial moi elevado de supera-lo valor límite de inmisión, incrementado pola marxe de exceso tolerada, adoptaranse plans de saneamento e mellora da calidade do aire. Os ditos plans conterán a información incluída no apartado 5 do anexo. Cando os niveis de inmisión de varios contaminantes sexan superiores ós valores límite respectivos, establecerase un plan integrado no que se inclúan tódalas substancias de que se trate. 2. A aprobación dos plans de saneamento da calidade do aire corresponderalle ó Goberno da Xunta de Galicia por proposta da Consellería de Medio Ambiente, que actuará por iniciativa propia ou por petición da corporación local ou das corporacións locais afectadas. 3. A corporación ou as corporacións locais afectadas participarán na elaboración do plan de saneamento e mellora da calidade do aire, que en todo caso será sometido ó trámite de información pública polo prazo dun mes. 4. O plan de saneamento conterá un programa das medidas que deben adoptarse, os recursos económicos necesarios e a determinación das entidades e organismos que han de executalo e financialo, así como o prazo de tempo no que terán que lograrse os niveis admisibles da calidade do aire. Entre as posibles medidas que poden aplicarse incluiranse: a) A prohibición ou o condicionamento do exercicio das actividades potencialmente contaminantes. b) O establecemento de valores límite de emisión máis rigorosos cós fixados con carácter xeral para as actividades e instalacións contaminantes que se encontren na zona ou aglomeración urbana. c) A revisión ou modificación das figuras de planeamento urbanístico existentes na zona, que poderán implica-la prohibición do establecemento de actividades potencialmente contaminantes. d) A suspensión de licencias de instalación ou ampliación de actividades contaminantes que poidan deteriora-la calidade do aire da zona afectada. e) A adopción de medidas destinadas a reduci-la contaminación atmosférica producida polo tráfico urbano e os medios de transporte. 5. Nos casos de instalacións e actividades contaminantes que non poidan asumir no prazo previsto as medidas contidas no plan de saneamento, en razón do excesivo custo ou da complexidade técnica da adecuación, a Administración pública galega cooperará flexibilizando os prazos de adaptación e facilitando as xestións para o acceso a créditos ou axudas públicas que poidan ser aplicables na resolución da situación suscitada. Artigo 15. Situación de alerta atmosférica. 1. Naquelas zonas do territorio da Comunidade Autónoma onde por causas accidentais ou circunstancias meteorolóxicas excepcionais se supere ou haxa risco grave de supera-lo límite de alerta nos niveis de inmisión declararase a situación de alerta atmosférica. Regulamentariamente, elaborarase unha lista dos detalles mínimos que han de comunicarse. En todo caso, tomaranse as medidas necesarias para informar debidamente a poboación. 2. A declaración de alerta atmosférica corresponderalle ó conselleiro de Medio Ambiente, por iniciativa propia ou por petición da corporación ou das corporacións locais afectadas, e conterá un plan de medidas urxentes que deben adoptarse coa finali dade de lograr a curto prazo o restablecemento dos niveis admisibles de inmisión. Entre outras medidas poderán aplicarse as seguintes: a) Respecto das actividades industriais, e sempre logo do trámite de audiencia ó titular da actividade: -A suspensión total ou parcial da actividade das instalacións con focos puntuais fixos de emisión contaminadora ou con emisións difusas e fuxitivas. -A modificación do horario de funcionamento das instalacións contaminadoras. b) Respecto das actividades domésticas e dos servicios, así como das relativas ó tráfico e ó transporte: -A suspensión total ou parcial das actividades potencialmente contaminadoras. -A reducción ou prohibición da circulación de vehículos e dos demais medios de transporte, para o que se facilitará o uso dos transportes públicos. 3. O alcalde ou os alcaldes das zonas afectadas por unha situación de alerta atmosférica poderán adoptar con carácter de urxencia algunhas das medidas previstas no apartado anterior, o que lle comunicarán inmediatamente ó conselleiro de Medio Ambiente ou, en todo caso, nun prazo máximo de vintecatro horas. Artigo 16. Plans de acción para o mantemento da calidade do aire. 1. Nas zonas onde a calidade atmosférica se mantén por debaixo dos valores límite de inmisión, o Goberno da Xunta de Galicia poderá aprobar, por proposta da Consellería de Medio Ambiente, plans de acción e as medidas oportunas para preservalas de todo incremento da contaminación atmosférica. As ditas medidas, que se determinarán regulamentariamente, aplicaranse tendo en conta a situación socioeconómica da zona e sen que poidan impedirse actividades compatibles co desenvolvemento sustentable. 2. Consideraranse áreas prioritarias para a aplicación das accións previstas no apartado anterior aquelas zonas de especial interese polos seus valores ecolóxicos, paisaxísticos, históricos, etnográficos e culturais, e, en particular, as zonas onde se encontren espacios naturais protexidos declarados de acordo coa lexislación vixente. Capítulo III Control da contaminación atmosférica producida polas distintas actividades Sección primeira Requisitos xerais Artigo 17. Inventario das fontes de emisión. 1. A Administración pública galega elaborará o inventario das fontes de emisión existentes na Comunidade Autónoma, no que se determinarán, segundo a súa natureza e cantidade, os contaminantes que se considere prioritario controlar conforme o apartado 3 do anexo. 2. As fontes que convén considerar serán tanto as fixas coma as móbiles, así como os xeradores de contaminacións difusas e fuxitivas situados no medio terrestre. 3. Cada cinco anos, realizarase a actualización do inventario das fontes de emisión e prepararase a información sobre emisións requirida pola Unión Europea e outros organismos internacionais. A revisión e a actualización do inventario afectarán tanto as fontes existentes coma as posibles fontes novas. Artigo 18. Obrigas xerais para os titulares de actividades potencialmente contaminantes. 1. Os titulares de actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera deberán: a) Dispoñer da preceptiva autorización ou licencia, logo de realización da avaliación de impacto, efectos ou incidencia ambiental do correspondente proxecto técnico. Esta avaliación efectuarase segundo os criterios establecidos pola normativa vixente da Comunidade Autónoma de Galicia, así como de acordo cos parámetros previstos para a elaboración do Mapa de cargas e niveis críticos. b) Cumpri-las esixencias mínimas que se establezan nesta lei e nas súas normas de desenvolvemento para os proxectos técnicos das actividades novas e de ampliación ou modificación das existentes. c) Respecta-los límites de emisión dos contaminantes recollidos no apartado 3 do anexo, esixidos pola normativa vixente con carácter xeral ou, se é o caso, aqueles que especificamente lles fosen impostos polas autorizacións correspondentes. d) Adopta-las medidas previstas nos plans de saneamento e mellora da calidade do aire e as derivadas dos supostos de alerta atmosférica regulados nesta lei, así como nos plans de acción para o mantemento da calidade do aire ambiente de Galicia. e) Facilitar en todo momento os actos de inspección e de comprobación que as corporacións locais ou os organismos competentes da Administración pública galega ordenen, e adecua-las instalacións que o requiran. 2. Sen prexuízo do disposto no apartado anterior, poderán establecerse límites especiais máis rigorosos cós de carácter xeral cando se superen nos puntos afectados os límites de inmisión. A fixación dos ditos límites correspóndelle ó Goberno da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Medio Ambiente ou, a través desta, das corporacións locais afectadas, tendo en conta a localización xeográfica das actividades en función do Mapa de cargas e niveis críticos e das emisións xa existentes, e o potencial efecto sobre o medio ambiente do contaminante considerado, os avances tecnolóxicos para a súa eliminación e a viabilidade económica da súa implantación, xustificada por un estudio custo-beneficio. Sección segunda Control da contaminación atmosférica producida polas actividades industriais Artigo 19. Condicións para a autorización de instalacións industriais. 1. A autorización dunha instalación nova ou a modificación de calquera existente incluirá os valo res límite de emisión de contaminantes esixibles durante a súa operación normal e os sistemas de control, así como os condicionantes específicos de protección ambiental precisos para respecta-las normas de calidade atmosférica nos respectivos contornos, que se determinarán regulamentariamente. 2. Non se autorizará a posta en marcha nin a operación de ningunha instalación nova potencialmente contaminadora, nin a dos equipos modificados nas existentes sen que se cumpran as condicións de protección e control ás que se refire o apartado anterior. Non obstante, poderá autorizarse unha posta en marcha provisoria, durante un período limitado, para probar ou axusta-lo funcionamento dos sistemas de control da contaminación atmosférica, adoptando tódalas precaucións precisas para manter no contorno da instalación os niveis admisibles da calidade do aire ambiente. 3. A administración tomará as medidas necesarias para a revisión periódica e, se fose necesario, a actualización das condicións da autorización. Artigo 20. Sistemas de control e medida. 1. Os titulares das actividades deberán instalar e manter en perfecto estado de servicio os sistemas de control e de medida das emisións e, no caso previsto polo artigo 9.4 desta lei, das inmisións, esixidos conforme as condicións previstas neste artigo. 2. Especificaranse regulamentariamente, para cada tipo de actividade industrial, tódalas condicións técnicas asociadas á expresión do valor límite de emisión, a situación dos puntos de medición e os parámetros auxiliares necesarios para obter medidas representativas, evitar interpretacións dubidosas dos datos, manexar resultados comparables e posibilita-la determinación das cantidades totais de contaminantes emitidos nun período dado. 3. Con carácter xeral, requirirase a medición continua das emisións á atmosfera mediante sistemas normalizados que se determinarán regulamentariamente. Sen embargo, cando a dita medición resulte inviable ou a magnitude dos vertidos non sexa significativa, poderá recorrerse á aplicación dalgún sistema alternativo que permita avalialas. 4. Con independencia do mantemento dos límites de emisión aplicables, deberán respectarse no contorno das instalacións industriais os criterios de calidade do aire regulamentados. No caso de grandes emisores industriais nos que, aínda que se cumpran os límites de emisión, as condicións meteorolóxicas desfavorables poden conducir á superación temporal dos valores límite de inmisión, a Administración pública galega poderá esixirlle ó titular a aplicación de sistemas de control suplementario, que se determinarán regulamentariamente. 5. No suposto previsto no apartado anterior, a Administración pública galega establecerá os mecanismos necesarios para que, de forma automática e inmediata, se adopten medidas técnicas sobre a operación da instalación para reduci-las súas emisións ata o restablecemento da situación admisible a nivel do terreo. 6. Os titulares das actividades potencialmente contaminadoras estarán obrigados a poñer en coñecemento da administración calquera incidencia que poida afecta-la calidade do ambiente atmosférico, así como as medidas adoptadas para corrixila. Así mesmo, facilitaranlle periodicamente á administración a información precisa para avalia-lo comportamento ambiental das plantas industriais, na forma que se determine regulamentariamente, así como os resultados das auditorías ambientais realizadas que, se é o caso, requira a propia administración. Artigo 21. Sistema de control integrado da contaminación. 1. No marco dun sistema de control integrado da contaminación e de acordo coa normativa específica dictada para o efecto, o titular da instalación adoptará tódalas medidas necesarias para garanti-las accións propostas para reduci-la contaminación atmosférica. Entre estas medidas recolleranse aquelas que non a transfiren nin afecten a calidade dos outros medios, que eviten a producción de residuos ou, de non ser posible, que procuren a súa recuperación, a súa reciclaxe ou eliminación segura e que promovan o uso eficaz da enerxía e doutros recursos. 2. Para o referido con anterioridade, recorrerase á utilización das mellores técnicas dispoñibles dentro de condicionantes económicos aceptables. Artigo 22. Emisións fuxitivas e difusas en operacións industriais. 1. Naquelas actividades que pola súa natureza constitúen focos potenciais de emisións fuxitivas, así como en determinados sistemas auxiliares doutras instalacións e nas operacións susceptibles de dar lugar a emisións difusas, adoptaranse as medidas de prevención e protección necesarias para que no seu contorno se manteñan os niveis de calidade do aire esixidos pola normativa vixente. 2. Estudiaranse con particular atención as medidas que, xuntamente cunha reducción deste tipo de emisións, leven asociada a mellora do impacto visual das instalacións productoras. Sección terceira Control da contaminación atmosférica urbana e da derivada do transporte Artigo 23. Control das emisións urbanas non industriais. Ademais das medidas previstas nos plans de saneamento e mantemento da calidade do aire, así como das adoptadas nos supostos de alerta atmosférica, os municipios controlarán as emisións procedentes das actividades domésticas e de servicios e as dos vehículos de motor que circulen no termo municipal, podendo condiciona-lo seu funcionamento ó cumprimento dos requisitos que se determinen regulamentariamente. Artigo 24. Control das actividades de transporte. No ámbito das súas competencias, a Comunidade Autónoma velará pola aplicación das medidas previstas na lexislación de transportes co fin de previr e sanciona-las actividades prexudiciais para o medio ambiente atmosférico. Capítulo IV Fomento da calidade do aire ambiente Sección primeira Instrumentos económicos e de apoio financeiro Artigo 25. Axudas e subvencións. 1. Os titulares das actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera, legalmente autorizadas antes da aprobación desta lei, que resulten afectadas polos plans de saneamento e mellora, así como polos de mantemento da calidade do aire e ás que lles sexa particularmente gravosa a adecuación a estes poderán beneficiarse das subvencións e das axudas que acorde, se é o caso, o Goberno da Comunidade Autónoma. 2. Igualmente, poderán beneficiarse das ditas subvencións e axudas os municipios para a execución das medidas previstas nesta lei e nos plans de saneamento e mellora, así como nos de mantemento da calidade do aire. De acordo coa lexislación de réxime local propia de Galicia, os municipios que fosen declarados municipios industriais serán obxecto dunha atención preferente na dotación e no reparto das ditas axudas. 3. Estas subvencións e axudas outorgaranse sen prexuízo dos beneficios que o Goberno do Estado poida conceder en aplicación da lexislación vixente. En ningún caso a totalidade destas axudas e subvencións poderá supera-lo custo total das novas instalacións. Artigo 26. Fondo de Protección do Ambiente Atmosférico de Galicia. 1. Coa finalidade de apoia-lo financiamento das actuacións públicas e privadas encamiñadas a mellora-la calidade do aire ambiente e reduci-los niveis de emisión, créase o Fondo para a Protección do Ambiente Atmosférico de Galicia. 2. O fondo nútrese dos créditos orzamentarios habilitados con esta finalidade. Artigo 27. Contabilidade ambiental. As empresas deberán levar unha contabilidade específica dos seus custos ambientais co fin de coñece-los investimentos e os gastos que por este concepto realizan. Artigo 28. Sistemas de xestión e auditoría ambientais. Co fin de promove-la mellora continua dos resultados do control da contaminación atmosférica e incrementa-la calidade e a transparencia das actuacións neste e en tódolos campos da protección ambiental, a Administración pública galega potenciará a implantación voluntaria nas industrias radi cadas no territorio da Comunidade Autónoma de sistemas de xestión e auditoría ambiental. Artigo 29. Outros instrumentos de xestión. 1. De acordo coa normativa vixente, fomentarase o establecemento de pactos e acordos entre a administración e os sectores industriais ou as empresas en particular para alcanzar niveis crecentes de protección do ambiente atmosférico máis aló do marco meramente normativo e valoraranse a asunción de códigos de conducta, plans de medio ambiente ou a adopción de boas prácticas ambientais. 2. En función das evolucións das políticas ambientais, dos futuros desenvolvementos tecnolóxicos e dos condicionantes económicos aplicables, e cando as circunstancias o xustifiquen, poderase establece-la utilización doutros instrumentos económico-financeiros. Sección segunda Instrumentos horizontais de apoio Artigo 30. Investigación e desenvolvemento científico e técnico. 1. Tendo en conta a problemática relacionada coa contaminación atmosférica na Comunidade galega, fomentaranse as accións de investigación, desenvolvemento e demostración destinadas ó esclarecemento e á solución de tales cuestións, ó desenvolvemento de tecnoloxías e productos máis respectuosos co medio ambiente e á mellora dos existentes. Así mesmo, prestaráselles especial atención ás repercusións da contaminación atmosférica sobre a saúde humana. 2. Para as actividades referidas no apartado anterior deberá contarse coa participación das universidades galegas, dos centros de investigación e, en xeral, dos especialistas da Comunidade Autónoma, fomentando o intercambio de datos e coñecementos con outros centros especializados. 3. A íntima relación da contaminación atmosférica coa meteoroloxía e coas ciencias experimentais e da natureza xustifica a necesidade de desenvolvemento de accións prioritarias encamiñadas a un mellor coñecemento da dinámica da atmosfera en Galicia, do comportamento dos contaminantes e da interacción destes co medio natural terrestre, fluvial e mariño. 4. Nestas actuacións, aproveitarase a experiencia industrial, de modo que, a través de acordos voluntarios coas empresas, se facilite a formación de técnicos e investigadores en ciencias ambientais e outras disciplinas afíns, se desenvolvan programas específicos e, ó mesmo tempo, se poida aborda-la solución de determinados problemas propios das industrias. Artigo 31. Formación e educación ambiental. 1. Co fin de crear e manter unha conciencia ambiental positiva na sociedade, incorporaranse nas correspondentes planificacións, e desde os primeiros niveis do ensino, disciplinas e programas de formación e de sensibilización ambiental con aplicación dos aspectos específicos á Comunidade galega. 2. Potenciarase a formación de especialistas de distinto nivel nos diferentes campos de actuación do medio ambiente. 3. Tanto no núcleo básico da familia coma na escola, barrios e todo tipo de asociacións, promoveranse a realización de actividades de divulgación e sensibilización sobre os problemas ambientais da Comunidade, a importancia da colaboración cidadá na súa solución ou mitigación e as preocupacións globais da humanidade. Sección terceira Planificación territorial e sectorial Artigo 32. Planificación sectorial e protección integrada do medio ambiente atmosférico. A Comisión Delegada de Medio Ambiente aprobará a estratexia ou as estratexias dirixidas a integra-la política de protección atmosférica da Comunidade no proceso de elaboración e execución das demais políticas e accións sectoriais. En particular, fomentará as medidas encamiñadas a: ,, , , a) O fomento do transporte público, en particular o ferroviario, e dos modos de transporte pouco contaminantes e dos modos non motorizados; a aprobación de medidas de planificación, de ámbito local e rexional, para mellora-la xestión do tráfico e a eficacia das operacións de transporte por estrada, e o desenvolvemento de campañas de concienciación e formación dos conductores. b) A introducción nos instrumentos de ordenación do territorio das informacións dispoñibles sobre o estado do ambiente atmosférico de Galicia co fin de mellora-la calidade do aire e reduci-las fontes de contaminación atmosférica. c) O desenvolvemento dunha política forestal e de prevención de incendios forestais que destaque a importancia dos bosques como sumidoiros de contaminación na loita fronte ó cambio climático, e que os preserve, se é o caso, da acción dos contaminantes atmosféricos. d) A promoción e o apoio ás prácticas agrarias e gandeiras máis respectuosas co medio ambiente. e) O fomento e a incentivación de medidas para a reducción e recuperación dos residuos orgánicos e as operacións do seu aproveitamento enerxético. f) A potenciación de medidas para a eficiencia e o aforro enerxético e a promoción da utilización de fontes de enerxías renovables e instalacións de coxeración de enerxía, así como a diminución do impacto e das emisións do sector enerxético. Capítulo V Información e participación na xestión do ambiente atmosférico Artigo 33. Dereito á información sobre a calidade do aire e as emisións á atmosfera. 1. Tódolos cidadáns teñen dereito a acceder a unha información obxectiva e fiel sobre as materias ambientais da Comunidade Autónoma nos termos establecidos e coas limitacións impostas pola lexislación vixente. 2. A Administración pública galega garantirá que periodicamente se lles difunda á poboación, ás organizacións interesadas e ós organismos sanitarios a información actualizada dispoñible, que resumirá os datos sobre a calidade do aire e das fontes de emisión de forma que poidan ser de fácil acceso. Elaboraranse indicadores de información, sinxelos e claros, que se farán públicos a través dos distintos medios de comunicación das zonas correspondentes ou mediante paneis informativos nas áreas urbanas, así como por medio das redes informáticas. En particular, estableceranse procedementos de comunicación das eventuais situacións de alerta. 3. Así mesmo, de acordo coa normativa vixente, facilitaráselles información á poboación e ás organizacións interesadas sobre os plans e programas de medidas aprobados en aplicación desta lei. Artigo 34. Informe anual sobre o estado do ambiente atmosférico de Galicia. 1. A Administración pública galega elaborará anualmente un informe no que se recolla a información ambiental relevante sobre a situación da calidade do aire na Comunidade Autónoma e sobre as emisións dos distintos contaminantes, incluídas as dos gases con efecto invernadoiro, e as súas fontes, así como sobre as medidas de prevención adoptadas e os progresos acadados. O dito informe elaborarase de acordo coas pautas de información requiridas pola Comunidade Europea para os seus informes periódicos e polo Estado español. 2. Tamén anualmente se preparará un informe sinxelo, que conteña a información máis destacada, e adecuado para unha ampla difusión pública. Artigo 35. Indicadores ambientais. Co obxecto de dispoñer dunha información condensada, coherente e comprensible da situación e evolución da xestión ambiental na Comunidade, a administración implantará, logo do informe preceptivo do Consello Galego de Medio Ambiente, o uso de indicadores ambientais recoñecidos con carácter xeral e comparables entre si. Artigo 36. Participación cidadá. 1. Fomentarase a participación cidadá na elaboración dos plans e programas de medidas previstos nesta lei e no deseño das estratexias ambientais que afecten a Comunidade Autónoma, e teranse en conta as súas opinións. 2. No procedemento de solicitude de autorización de instalacións ou actividades potencialmente contaminantes da atmosfera establecerase un período de información pública que, en todo caso, será previo á súa resolución pola autoridade competente. Así mesmo, a administración correspondente poñerá á disposición da poboación a decisión autorizatoria e as súas posteriores actualizacións, así como os resultados da supervisión e vixilancia das emisións das ditas actividades. O previsto neste apartado aplicarase sen prexuízo das limitacións previstas na Lei 38/1995, do 12 de decembro, sobre o dereito de acceso á información en materia ambiental. 3. De acordo coa normativa vixente na Comunidade Autónoma, corresponderanlle ó Consello Galego de Medio Ambiente o coñecemento e a información dos proxectos e plans ambientais, así como a proposta de medidas, o fomento de iniciativas e a realización de suxestións que teñan por finalidade facilita-lo cumprimento dos obxectivos propostos nesta lei. Capítulo VI Funcións das administracións públicas Sección primeira Funcións das administracións públicas de Galicia Artigo 37. Administración pública da Xunta de Galicia. 1. Á Consellería de Medio Ambiente correspóndenlle, ademais das xa sinaladas especificamente nesta lei e sen prexuízo das atribucións que lle outorga a lexislación ambiental, industrial e de actividades, as seguintes funcións: a) A elaboración do Mapa de cargas e niveis críticos de Galicia previsto no artigo 12 desta lei, a aprobación do cal lle corresponderá ó Goberno da Xunta de Galicia. b) O establecemento dos niveis de emisión ou inmisión dos contaminantes atmosféricos e as normas técnicas relacionadas coa súa aplicación, así como a regulamentación dos métodos de medición e análise e dos sistemas de control dos niveis de emisión das actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera. Para a fixación dos límites de inmisión teranse en conta os factores previstos no apartado 4 do anexo. c) A delimitación das zonas e aglomeracións con especiais esixencias de vixilancia e control, e a formulación e aprobación, se é o caso, dos plans de actuación correspondentes. d) O establecemento e a xestión da rede xeral de vixilancia da calidade do aire de Galicia. e) A posta en marcha de medidas e actuacións para a aplicación de técnicas de reducción en orixe das emisións, co fin de lograr un alto nivel de protección do ambiente atmosférico, con especial atención ós gases de efecto invernadoiro e ás substancias destructoras da capa de ozono. f) O desenvolvemento da inspección e do control das actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera. g) O exercicio da potestade sancionadora. 2. Á Consellería de Sanidade correspóndenlle: a) A vixilancia epidemiolóxica do impacto da contaminación atmosférica sobre a poboación. b) A análise e difusión da información á poboación sobre os efectos da contaminación atmosférica na saúde. c) A planificación, programación e avaliación das actividades de protección fronte ós factores de risco ocasionados pola contaminación atmosférica. d) A elaboración do informe vinculante que corresponda con respecto ós valores de inmisión dos contaminantes atmosféricos e ás normas técnicas relacionadas coa súa aplicación. 3. Corresponderalle ó Comité Galego de Integración e Coordinación Ambiental a coordinación entre os distintos departamentos da Administración autonómica. Artigo 38. Municipios. Correspóndelles ás corporacións locais, no seu ámbito territorial e sen prexuízo das atribucións que lles outorga a lexislación ambiental, industrial e de actividades: a) Aproba-las ordenanzas correspondentes, ou adapta-las xa existentes, de acordo coas finalidades e as medidas previstas nesta lei, logo de informe da Consellería de Medio Ambiente. b) Comprobar e esixir que os proxectos técnicos que acompañen a solicitude de licencia municipal para exercer actividades clasificadas potencialmente como contaminadoras da atmosfera conteñan as determinacións mínimas establecidas regulamentariamente, sen detrimento do que determine a Consellería de Medio Ambiente a través das figuras de protección ambiental. c) Adoptar provisoriamente medidas na situación de alerta atmosférica. d) Implantar e xestiona-las estacións de vixilancia da calidade do aire, precisas conforme o establecido nesta lei, nos núcleos urbanos do termo municipal, coa axuda e co asesoramento técnicos da Consellería de Medio Ambiente. e) Impoñe-las sancións nos supostos previstos por esta lei. f) Adapta-los plans de ordenación urbanística do municipio ás prescricións desta lei ou ás que resulten do mapa previsto no artigo 12. g) Establece-lo control sanitario sobre industrias, actividades e servicios e transportes, en relación coa contaminación atmosférica. h) Participar coa Administración da Xunta de Galicia na elaboración dos instrumentos de planificación ambiental, nos procedementos e nas accións previstas nesta lei, a través do Comité Galego de Integración e Coordinación Ambiental. Sección segunda Relacións interadministrativas Artigo 39. Colaboración e coordinación. 1. A Xunta de Galicia e as administracións locais galegas, en colaboración coa Administración do Estado e outras comunidades autónomas, exercerán as súas competencias co obxecto de alcanza-los obxectivos previstos nesta lei. 2. Co fin de asegura-la coherencia e efectividade das accións destinadas á protección do ambiente atmosférico de Galicia, atribúeselle á Xunta de Galicia a coordinación da actividade das administracións locais no exercicio daquelas competencias que transcendan os intereses locais e estean comprendidas dentro dos obxectivos desta lei. 3. A través do Comité Galego de Integración e Coordinación Ambiental, dependente da Consellería de Medio Ambiente, impulsarase a coordinación administrativa, formularanse suxestións e elaboraranse propostas para a mellora da protección do ambiente atmosférico de Galicia. Artigo 40. Comunicación e información. 1. Instrumentalizaranse canles de comunicación para facilitarlles de forma normalizada, coherente e rápida a información sobre a calidade ambiental e as incidencias relevantes ós organismos do Estado e, se é o caso, da Unión Europea. 2. A Comunidade Autónoma e os municipios poderán, mutuamente, solicitar e obter información concreta sobre a actividade de cada administración en materia de contaminación atmosférica. En particular, cando as corporacións locais adopten calquera medida destinada á protección ou mellora da calidade do aire e cando inicien un expediente sancionador en aplicación desta lei deberán comunicarllo á Consellería de Medio Ambiente. Artigo 41. Auxilio. Convenios cos municipios. No caso de que os municipios non conten cos medios técnicos ou persoais necesarios para cumpri-las funcións e competencias que esta lei lles atribúe, poderán reclama-lo auxilio da Administración autonómica. Para formalizar esta colaboración poderá subscribirse, se é o caso, un convenio de cooperación entrámbalas administracións. Capítulo VII Disciplina ambiental Sección primeira Inspección Artigo 42. Potestade de inspección. 1. Os alcaldes, naqueles casos nos que así o recolla a normativa, e os órganos competentes da Administración ambiental de Galicia en materia de protección do ambiente atmosférico teñen a potestade de inspección das actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera radicadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita potestade é exercida polo persoal ó servicio da respectiva admi nistración debidamente acreditado. Deben establecerse os medios de coordinación necesarios para lograr un eficaz exercicio da potestade de inspección das distintas administracións públicas. 2. O exercicio das funcións de inspección en materia de contaminación atmosférica aterase ó disposto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección do medio ambiente, e á normativa regulamentaria de desenvolvemento. 3. A Xunta de Galicia poderá outorgarlles determinadas facultades de auxilio e control a entidades públicas ou privadas debidamente acreditadas e habilitadas ó respecto pola Consellería de Medio Ambiente, para o que se establecerán regulamentariamente as funcións que se van desenvolver e os requisitos para o seu exercicio. Artigo 43. Homologación dos procedementos de toma de mostras e medicións. 1. A Consellería de Medio Ambiente establecerá as especificacións técnicas que deben cumpri-los aparellos de toma de mostra, análise e medición de contaminantes. A contrastación ou o calibrado periódicos destes deben ser realizados por laboratorios oficialmente acreditados. 2. A análise das mostras de gases ou de calquera outro material ou producto que non poida ser levado a cabo no acto de inspección será realizada por laboratorios debidamente acreditados pola Consellería de Medio Ambiente. 3. O titular ou representante da empresa que participa no acto de inspección poderá solicita-la acreditación do cumprimento dos requisitos sinalados nos apartados anteriores, así como os datos técnicos da mostraxe e a identificación do laboratorio que debe levar a cabo a análise e o sistema analítico ó que debe someterse a mostra. 4. Os resultados da análise e medición que se obteñan seguindo o sistema fixado nos apartados anteriores teñen valor probatorio, sen prexuízo doutras probas que poida achega-lo interesado. Sección segunda Infraccións e sancións Artigo 44. Responsabilidades. 1. As infraccións cometidas por acción ou omisión, que contraveñan o disposto nesta lei, sancionaranse conforme o presente capítulo, seguindo previamente o procedemento sancionador que se estableza por lei ou regulamento, sen prexuízo das posibles responsabilidades civís ou penais que poidan derivar e da restauración do medio ambiente e dos recursos naturais afectados. 2. Cando non sexa posible determina-lo grao de participación das persoas, físicas ou xurídicas, que interviñesen na realización da infracción, a responsabilidade será solidaria, sen prexuízo das accións contra os demais participantes por aqueles que lle fixesen fronte á responsabilidade común. Artigo 45. Infraccións administrativas. 1. As infraccións administrativas ás disposicións desta lei clasifícanse en moi graves, graves e leves. 2. Son infraccións moi graves: a) Emitir contaminantes á atmosfera superando os límites de emisión legalmente permitidos cando se orixinan danos ou prexuízos reais ou potenciais para a saúde das persoas ou o medio ambiente. b) Poñer en funcionamento actividades ou instalacións potencialmente contaminadoras incumprindo ordes de suspensión ou clausura ou vulnerando os preceptos legais. c) Reincidir en faltas graves. 3. Son infraccións graves: a) Exercer actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera sen dispoñer da licencia municipal de actividades ou autorización equivalente. b) Exercer actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera incumprindo as condicións ou medidas impostas nas autorizacións ou licencias ambientais. c) Emitir contaminantes á atmosfera superando os límites de emisión legalmente autorizados. d) Negarse a instalar, a poñer en funcionamento e a manter en perfecto estado de servicio os aparellos de control e medición de emisións ou inmisións, ou realizalos con atraso. e) Impedir ou obstaculiza-los actos de inspección e control regulamentarios ou ordenados polas autoridades competentes. f) Ocultar ou altera-los datos, informes ou documentos de achega obrigatoria solicitados pola administración. g) Incumpri-las medidas especificamente previstas para as actividades contaminadoras contidas nos diferentes plans de protección do ambiente atmosférico previstos nesta lei. h) Reincidir en faltas leves. 4. Son infraccións leves: a) Incorrer en demora non xustificada na achega obrigatoria de datos, informes ou documentos solicitados pola administración. b) Non someterse ós controis periódicos establecidos por regulamento ou fixados na licencia municipal de actividades ou autorización equivalente. c) Emitir, mediante vehículos de motor ou actividades domésticas e de servicios, contaminantes á atmosfera de forma que superen os límites de emisión legalmente establecidos. d) Incorrer en calquera outra acción ou omisión que infrinxa as determinacións desta lei e a regulamentación que a desenvolva e que non sexa cualificada como infracción grave ou moi grave. Artigo 46. Medidas cautelares. 1. Simultaneamente á incoación do procedemento sancionador ou en calquera momento do seu curso, pode acordarse, como medida cautelar, o precintado de xeradores de calor e vehículos de motor, a suspensión ou clausura da actividade ou calquera outra medida dirixida á protección do ambiente atmosférico. 2. Antes da incoación do procedemento sancionador o órgano competente, de oficio ou por instancia de parte, nos casos de urxencia e para a protección dos intereses implicados, poderá adoptar con carácter provisorio as medidas previstas no apartado anterior. Artigo 47. Sancións económicas. 1. Pola comisión das infraccións administrativas previstas nesta lei poderán impoñerse as seguintes sancións económicas: a) Para as infraccións moi graves: -Multa de entre 60.001 e 1.200.000 euros, se se trata de actividades industriais. -Multa de entre 12.001 e 60.000 euros, se se trata de actividades urbanas non industriais e do transporte. b) Para as infraccións graves: -Multa de entre 6.000 e 60.000 euros, se se trata de actividades industriais. -Multa de entre 301 e 12.000 euros, se se trata de actividades urbanas non industriais e do transporte. c) Para as infraccións leves: -Multa de entre 301 e 6.000 euros, se se trata de actividades industriais. -Multa de entre 150 e 300 euros, se se trata de actividades urbanas non industriais e do transporte. 2. No caso de que a infracción se produza en zonas ou aglomeracións sometidas ós plans de saneamento previstos nesta lei ou baixo a declaración de alerta atmosférica, a contía da multa pode impoñerse ata o dobre ou o triple, respectivamente. 3. A sanción consistente nunha multa imposta polo incumprimento dos niveis de emisión establecidos supón o requirimento da reducción das emisións ós límites admitidos no prazo que se sinale na resolución sancionadora. Artigo 48. Graduación das multas. Na graduación da multa deberanse ter en conta: 1. A natureza da actividade ou instalación de que se trate. 2. As circunstancias e o grao de culpa do responsable. 3. A reiteración. 4. A participación e o beneficio obtido. 5. O grao de incidencia ou risco de dano á saúde humana, ó medio ambiente ou ós recursos naturais. Artigo 49. Sancións accesorias. 1. A imposición de multas será compatible coa imposición das seguintes sancións: a) No caso de infracción moi grave: -O precintado dos xeradores de calor e dos vehículos e do pechamento do establecemento ou a suspensión da actividade, total ou parcial, por un prazo non superior a catro anos e, en todo caso, ata a adopción das medidas correctoras. -A clausura definitiva, total ou parcial, do establecemento ou da actividade. b) Nos casos de infracción grave, o precintado dos xeradores de calor e dos vehículos e o pechamento do establecemento ou a suspensión da actividade, total ou parcial, por un prazo non superior a dous anos. No caso de que se impoñan medidas correctoras, o pechamento ou a suspensión subsistirá ata que estas se cumpran. No caso de seren inviables as aludidas medidas correctoras, poderá decidirse a clausura definitiva, total ou parcial, do establecemento ou da actividade. 2. No suposto de sanción que implique o pechamento do establecemento ou a suspensión da actividade computarase, na sanción definitiva, o tempo que estivese pechado ou suspendido como medida cautelar. 3. O órgano que exerza a potestade sancionadora poderá acorda-la publicación, no diario oficial correspondente e a través dos medios de comunicación que considere oportunos, das sancións impostas pola comisión de infraccións graves e moi graves, así como os nomes e apelidos ou razón social das persoas físicas ou xurídicas responsables, unha vez que as ditas sancións adquiran o carácter de firmes. En todo caso, as sancións que supoñan a suspensión de actividades ou o pechamento de establecementos haberán de ser publicadas no Diario Oficial de Galicia. Artigo 50. Prohibición de establecer contratos e de obter subvencións. As empresas que fosen sancionadas por faltas graves e moi graves derivadas do incumprimento da disposto nesta lei non poderán contratar nin obter subvencións das administracións públicas ata a execución das medidas correctoras pertinentes e ata a satisfacción da sanción. Artigo 51. Competencia para impoñe-las sancións. A competencia para a imposición de sancións corresponderá: 1. Ós alcaldes, se a sanción supón o precintado de xeradores de calor domésticos, de oficinas e de servicios, así como o precintado de vehículos de motor. 2. Ós alcaldes de municipios de menos de 20.000 habitantes e ós delegados provinciais da Consellería de Medio Ambiente, se a contía da multa non excede de 12.000 euros. 3. Ós alcaldes de municipios de máis de 20.000 habitantes, se a contía da multa non excede de 60.000 euros. 4. Ó director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, se a contía da multa excede de 12.000 euros e non pasa de 60.000 euros. 5. Ó conselleiro de Medio Ambiente, se a contía da sanción excede de 60.000 euros ou supón a suspensión ou a clausura temporal da actividade. 6. Ó Consello da Xunta de Galicia, se a sanción supón a suspensión ou a clausura definitiva da actividade. Artigo 52. Restauración do medio e indemnización. 1. Sen prexuízo da sanción que en cada caso proceda, o infractor haberá de repara-lo dano causado. A reparación e a reposición dos bens terán como finalidade logra-la restauración do medio ambiente ó seu estado anterior á comisión da infracción. O órgano correspondente da administración competente para impoñe-la sanción serao para esixi-la restauración. 2. Se o infractor non procedese a repara-lo dano causado no prazo que se lle sinale, a administración que impuxo a sanción procederá á imposición de multas coercitivas sucesivas de ata un tercio da sanción económica imposta cada unha ou, se é o caso, a realiza-la execución subsidiaria nos termos previstos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. 3. Cando a reparación do dano ou a reposición dos bens non fose posible, o órgano sancionador competente poderá ordena-la reparación polo seu equivalente económico. 4. No suposto previsto no apartado anterior, para fixa-la indemnización teranse en conta os seguintes criterios, debendo aplicarse o que proporcione o maior valor: a) Custo teórico da restitución ou reposición. b) Valor dos bens danados. c) Beneficio obtido polo infractor coa actividade ilegal. Sección terceira Réxime de recursos Artigo 53. Recursos administrativos. 1. Sen prexuízo dun ulterior recurso ante os órganos da xurisdicción contencioso-administrativa, contra os actos administrativos sancionadores resultado da aplicación deste capítulo pode recorrerse, na forma e nos prazos establecidos polas disposicións de procedemento administrativo vixentes en Galicia, do seguinte modo: a) Contra as resolucións dos delegados provinciais da Consellería de Medio Ambiente poderá interpoñerse un recurso de alzada ante o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. b) Contra as resolucións que non poñen fin á vía administrativa dictadas polo director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental poderá interpoñerse un recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente. c) As resolucións do Consello da Xunta de Galicia, do conselleiro de Medio Ambiente e dos alcaldes poñen fin á vía administrativa. 2. A determinación das medidas correctoras que lles haxa que impoñer a calquera dos focos emisores é, en tódolos casos, de exclusiva competencia da administración, sen prexuízo de que sexa obxecto de revisión ante a xurisdicción contencioso-administrativa. Artigo 54. Acción pública. Será pública a acción para esixir ante os tribunais a observancia do establecido nesta lei e nas disposicións que se dicten no seu desenvolvemento e aplicación. Disposicións adicionais Primeira.-No que non estea regulado nesta lei será aplicable o disposto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e no Decreto 156/1995, do 3 de xuño, de inspección ambiental, así como no capítulo II do título IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no seu regulamento de desenvolvemento sobre o exercicio da potestade sancionadora. Segunda.-Tódalas referencias que realiza esta lei á Administración pública galega deben entenderse feitas á Consellería de Medio Ambiente. Terceira.-A rede xeral de vixilancia da calidade do aire de Galicia será xestionada polo Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, dependente organicamente da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente. Disposicións transitorias Primeira.-Co fin de facilita-la actuación de control das emisións, e para dispoñer canto antes de inventarios actualizados, o órgano competente da Consellería de Medio Ambiente debe ordenarlles ós titulares das empresas con actividades potencialmente contaminantes da atmosfera existentes á entrada en vigor desta lei que adecúen os sistemas de toma de mostras das súas instalacións a equipos e procedementos dispoñibles comercialmente que permitan unha avaliación representativa e fiable das emisións á atmosfera. Segunda.-Os titulares das actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera existentes na data de entrada en vigor desta lei dispoñen dun prazo de dous anos, a partir da dita data, para faceren efectivas as medidas correctoras necesarias para o cumprimento dos valores límite de emisión esixibles pola normativa. Terceira.-A Consellería de Medio Ambiente elaborará no prazo de dous anos o inventario das fontes de emisión, conforme o establecido no artigo 17. Disposición derrogatoria Queda derrogada calquera norma de igual ou inferior rango que contraveña ou se opoña ó establecido nesta lei. Disposicións derradeiras Primeira.-No prazo máximo dun ano, a Consellería de Medio Ambiente dictará as normas necesarias para estructurar e regula-la xestión e o funcionamento da rede xeral de vixilancia da calidade do aire de Galicia. Segunda.-De forma inmediata e por aplicación do Decreto de creación da Consellería de Medio Ambiente, a Consellería de Sanidade incorporará á rede xeral de vixilancia da calidade do aire de Galicia tódalas estacións sensoras existentes na actualidade e procederá á transferencia dos recursos financeiros correspondentes. Terceira.-No prazo máximo dun ano, a Consellería de Medio Ambiente elaborará o Mapa de cargas e niveis críticos de Galicia, conforme o establecido no artigo 12. Cuarta.-Habilítase o Consello da Xunta de Galicia para adapta-lo anexo desta lei ás determinacións que resulten da normativa básica estatal ou da Unión Europea. Quinta.-Habilítanse o Consello da Xunta de Galicia e o conselleiro de Medio Ambiente para que, no prazo dun ano, dicten as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei. Sexta.-Esta lei entrará en vigor ós trinta días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, dezaoito de decembro de dous mil dous. Manuel Fraga Iribarne Presidente ANEXO Relación de contaminantes atmosféricos 1. Contaminantes que deben considerarse para a protección e avaliación da calidade do aire: a) Contaminantes prioritarios: -Dióxido de xofre. -Dióxido de nitróxeno e óxido nítrico. -Partículas finas, como feluxe (incluídas as PM 10; partículas que, de acordo con condicións técnicas definidas, teñen un diámetro aerodinámico igual ou inferior a 10 milésimas de milímetro -micrómetro, lm-). -Partículas en suspensión totais. -Materias sedimentables. -Chumbo. -Ozono. b) Outros contaminantes que deben terse en conta: -Benceno. -Monóxido de carbono. -Hidrocarburos policíclicos aromáticos. -Cadmio. -Arsénico. -Níquel. -Mercurio. 2. Directrices para a selección dos contaminantes atmosféricos que deben terse en conta: a) Posibilidade, gravidade e frecuencia dos efectos; polo que respecta á saúde humana e ó medio ambiente no seu conxunto, deben ser obxecto de especial atención os efectos irreversibles. b) Presencia xeneralizada e concentración elevada do contaminante na atmosfera. c) Transformacións medioambientais ou alteracións metabólicas que poidan dar lugar á producción de substancias químicas de maior toxicidade. d) Persistencia no medio ambiente, en particular se o contaminante non é biodegradable e pode acumularse nos seres humanos, no medio ambiente ou nas cadeas alimentarias. e) Impacto do contaminante: -Importancia da poboación exposta, dos recursos vivos ou dos ecosistemas. -Organismos receptores particularmente vulnerables na zona afectada. f) Poderán utilizarse tamén métodos de avaliación do risco. Deberán terse en conta para a selección dos contaminantes os criterios pertinentes de perigosidade establecidos en virtude da Directiva 1967/548/CEE e as súas adaptacións sucesivas. 3. Contaminantes que deben terse en conta para o establecemento de límites de emisión: a) Óxidos de xofre e outros compostos de xofre. b) Óxidos de nitróxeno e outros compostos de nitróxeno. c) Monóxido de carbono. d) Compostos orgánicos volátiles. e) Metais e os seus compostos. f) Pos. g) Amianto (partículas en suspensión, fibras). h) Cloro e os seus compostos. i) Fluor e os seus compostos. j) Cianuros. k) Substancias e preparados respecto dos cales se demostrase que posúen propiedades canceríxenas, mutáxenas ou que poidan afecta-la reproducción a través do aire. l) Policlorodibenzodioxinas e policlorodibenzofuranos. m) Arsénico e os seus compostos. 4. Factores que deberán terse en conta ó establece-los valores límite de inmisión e os límites de alerta. Cando se fixen o valor límite e, de forma adecuada, o limiar de alerta, poderán terse especialmente en conta os factores abaixo enumerados a título de exemplo: -Grao de exposición das poboacións e, en particular, dos subgrupos sensibles. -Condicións climáticas. -Sensibilidade da fauna, da flora e dos seus hábitats. -Patrimonio histórico exposto ós contaminantes. -Viabilidade económica e técnica. -Transporte a longa distancia dos contaminantes, con inclusión dos contaminantes secundarios, entre eles o ozono. 5. Información que debe incluírse nos programas de mellora da calidade do aire ambiente. A información que debe facilitarse é a seguinte: 1) Localización da zona con exceso de contaminación: -Rexión. -Cidade (mapa). -Estación de medición (mapa, coordenadas xeográficas). 2) Información xeral: -Tipo de zona (cidade, área industrial ou rural). -Estimación da superficie contaminada (km2) e da poboación exposta á contaminación. -Datos climáticos útiles. -Datos topográficos pertinentes. -Información suficiente acerca do tipo de organismos receptores da zona afectada que deben protexerse. 3) Autoridades responsables: -Nomes e direccións das persoas responsables da elaboración e execución dos plans de mellora. 4) Natureza e avaliación da contaminación: -Concentracións observadas durante os anos anteriores (antes da aplicación das medidas de mellora). -Concentracións medidas desde o comezo do proxecto. -Técnicas de avaliación utilizadas. 5) Orixe da contaminación: -Lista das principais fontes de emisión responsables da contaminación (mapa). -Cantidade total de emisións procedentes desas fontes (t/ano). -Información sobre a contaminación procedente doutras rexións. 6) Análise da situación: -Detalles dos factores responsables do exceso de contaminación (transporte, incluídos os transportes transfronteirizos, formación). -Detalles das posibles medidas de mellora da calidade do aire. 7) Detalles das medidas ou proxectos de mellora, é dicir: -Medidas locais, rexionais, nacionais ou internacionais. -Efectos observados destas medidas. 8) Información sobre as medidas ou proxectos adoptados para reduci-la contaminación: -Lista e descrición de tódalas medidas previstas no proxecto. -Calendario de aplicación. -Estimación da mellora da calidade do aire que se espera conseguir e do prazo previsto para acadar eses obxectivos. 9) Información sobre as medidas ou proxectos a longo prazo previstos ou considerados. 10) Lista das publicacións, documentos, traballos, etc., que completen a información solicitada no presente anexo.

Data norma: 18-12-2002

Organismo: PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA

Ámbito Normativo: Autonómica

Rango legal: LEI

Clasificación: ATMÓSFERA E CLIMA

Derrogada por :

Nome do documento Título Descargar
e505b120-2ab5-4294-a410-40d6864e0483 Lei 8-2002.pdf Galego
0dab80b3-24bd-489a-b240-0a8d53749507 Ley 8-2002.pdf Castellano
Título Data publicación
Título Data publicación
Título Data publicación
Título Data publicación