Instrución técnica de residuos ITR/01.0/04, do 2 de xuño de 2005, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, referente á xestión de residuos de elaboración de rocas ornamentais.
Instrución técnica de residuos ITR/01.0/04, do 2 de xuño de 2005, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, referente á xestión de residuos de elaboración de rocas ornamentais. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ten atribuídas, entre outras, as competencias referidas á xestión de residuos sólidos orixinados por actividades industriais. Dentro deste grupo de residuos pode identificarse un conxunto resultante da actividade de elaboración de rocas ornamentais, fundamentalmente debido ao proceso de corte primario de bloques de granito, mármores e rocas ornamentais asimiladas, así como ao subseguinte proceso de corte secundario ata chegar aos produtos comerciais. Estes residuos non perigosos caracterízanse por unha notable concentración da produción, reflexo da estrutura produtiva do sector, e unhas características físicas e químicas que reflicten a composición orixinal das rocas, e que polo tanto teñen unhas características moi estables, que se apartan notablemente doutros tipos de residuos industriais non perigosos ata levalos á consideración de residuos non perigosos inertes (RNPI). A importancia en volume destes residuos, cifrados en máis de 300.000 t/ano só para o sector do granito, a necesidade de definir un operativo de xestión sinxelo e consistente co marco normativo de protección ambiental e de xestión desta tipoloxía de residuos, entre os que destaca a consideración de residuos inertes de acordo co previsto na decisión do Consello 2003/33/CE, levaron a estruturar mediante presente Instrución Técnica de Residuos as condicións baixo as que os ditos residuos serán asimilados á condición de inertes, así como os procedementos regulados de produción, transporte e destino final que lles serán de aplicación. Bases normativas da ITR As bases normativas xerais nas que se apoia a presente ITR son a lexislación básica estatal de residuos, a lexislación autonómica en materia de residuos, así como as estratexias europea e galega en xestión de residuos. En aplicación desta última destácase a necesidade de apoiar as medidas de minimización na produción de residuos, así como estimular no posible a valorización dos residuos. Como base normativa específica destácanse os criterios da decisión do Consello 2003/33/CE, do 19 de decembro de 2002, sobre valores límites de lixiviación de residuos non perigosos inertes. Por outro lado hai que considerar o R.D. 1481/2001 polo que se regula a eliminación de residuos mediante o seu depósito en vertedoiro, que exclúe do seu ámbito de aplicación o depósito de solo sen contaminar ou de residuos non perigosos inertes procedentes da prospección, extracción, tratamento e almacenamento de recursos minerais así como do funcionamento de canteiras. Bases tecnocientíficas da ITR Os residuos de elaboración de rocas ornamentais prodúcense nas operacións de serrado de bloques, acabado das pranchas de roca e -en menor medida- no corte e acabado secundario para elaboración de pequenas pezas. O proceso de serrado de bloques, que pode realizarse mediante teares multicinta o discos diamantados, é o que xera a maior parte dos residuos que se están considerando. Ao tratarse dunha operación mecánica de corte, o que se está producindo é unha trituración da roca na liña de corte, o que fai que case a totalidade do residuo estea composto por fragmentos moi finos da roca orixe. A este material súmanselle as partículas derivadas do desgaste progresivo dos elementos empregados no corte: granalla, cintas e discos ou fíos diamantados. Para coñecer en detalle as características do material resultante da elaboración da roca ornamental realizáronse dous estudos cuantitativos e un cualitativo. Estes estudos oriéntanse especificamente para determinar se o residuo pode ter a consideración de residuo non perigoso inerte de acordo cos criterios da decisión do Consello 2003/33/CE. O primeiro estudo cuantitativo realizouse por encargo da Asociación Galega de Graniteiros a instancia da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. O proxecto denominado «Estudo das serraduras do granito e dos seus lixiviados, de acordo coa decisión 2003/33/CE, do 19 de decembro de 2002» realizouse entre os meses de setembro de 2003 e marzo de 2004 por un organismo de control autorizado (OCA, resol. 17-4-2001 da Dirección Xeral de Industria). As investigacións analíticas realizáronse sobre dez mostras extraídas dun depósito de residuos de elaboración de granito. Os resultados indican que se cumpren os criterios da decisión do Consello 2003/33/CE sobre valores límites de lixiviación de residuos non perigosos inertes. O segundo estudo cuantitativo foi realizado polo Laboratorio de Medio Ambiente da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental en marzo de 2004 nunha instalación de elaboración secundaria de roca ornamental. Seleccionouse unha instalación representativa, de acordo coa información facilitada pola Asociación Galega de Marmoristas. As tomas de mostras realizáronse nas balsas de decantación de final do proceso. Os resultados indican que se cumpren os criterios da decisión do Consello 2003/33/CE sobre valores límites de lixiviación de residuos non perigosos inertes. O estudo cualitativo realizouno o Servizo de Residuos da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental durante o mes de abril de 2004. O estudo permitiu establecer, a partir da información dispoñible, o proceso de elaboración de rocas ornamentais coa produción de residuos vinculada ao mesmo. Trátase dunha análise do ciclo de vida do produto centrado na xeración de residuos. Do mesmo establécese que nos procesos de serrado non se utilizan elementos ou aditivos que poidan determinar nunha variación substancial na composición do residuo. Da análise do proceso de acabado dedúcese que, en principio, non se inclúe ningún aditivo nin proceso do que poida derivarse unha alteración na composición química do residuo que varíe o seu carácter de inerte. Do mesmo xeito analízase o proceso de deshidratación do residuo, un proceso no que deben utilizarse axentes coaguladores ou floculantes que non incidan na característica de inerte do residuo. A partir dos datos dispoñibles, e na medida en que o residuo non sufra alteracións que puideran modificar a súa composición, que se cumpran as condicións que máis abaixo se explicitan, que non exista disposición normativa en contra, e coa reserva por parte da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental das análises, estudos e comprobacións que poidan considerar necesarias, considerase que os residuos de elaboración de rocas ornamentais teñen a consideración de residuos non perigosos inertes, para os efectos do seu réxime de produción, transporte e destino final tal e como se establecen na presente ITR. Os residuos que se consideran incluídos baixo a epígrafe de residuos de elaboración de rocas ornamentais, e como tal de residuos non perigosos inertes (RNPI), son os resultantes dalgúns ou de todos os procesos -así como aqueles asimilables- que se realicen en rocas ornamentais (granitos, mármores e asimilables), e que se relacionan a continuación: -Serrado de bloques con teares multicinta. -Serrado de bloques con discos diamantados ou fíos diamantados. -Acabados de pranchas de roca (pulido, apomezado, abuxardado, flamexado, areado, etc.) sempre que neste proceso non se incorpore ningún elemento nin aditivo que poida alterar a clasificación como inerte do residuo resultante. -Corte secundario con discos ou similar. -Acabado secundario, coas mesmas prevencións que para o de pranchas de roca. Procedementos de actuación * Produtores de RNPI de elaboración de rocas ornamentais. Os produtores de RNPI poderán acollerse ao sistema de xestión previsto nesta instrución sempre que establezan un sistema de control dos residuos producidos e comuniquen a esta dirección xeral a información dos datos de produción dos seus residuos na forma que se indica a continuación: 1. Os produtores de RNPI deben comunicar a esta dirección xeral os datos relativos á súa identidade, situación da instalación produtora do RNPI, cantidades estimadas de residuo orixinado, carácter e destino previsto do RNPI, utilizando para isto o modelo que acompaña a este escrito como anexo I. 2. Cada envío de RNPI debe de ir acompañado dun certificado emitido por un técnico cualificado de que o proceso de obtención do residuo se adecua ao descrito, sen incluír substancias ou métodos que poidan alterar a súa natureza inerte. Este certificado realizarase de conformidade co modelo que acompaña este documento como anexo II. Deste documento quedaranse copias o produtor, o transportista e o destinatario. 3. Os produtores de RNPI deberán remitir antes do 1 de marzo de cada ano, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental unha declaración anual dos residuos producidos con indicación do destino que se dá a este. Esta declaración deberá formalizarse de conformidade co modelo que se acompaña como anexo III. O RNPI resultante antes de ser trasladado debe ter reducido o seu contido en auga na orde do 50%. * Transportistas do RNPI de elaboración de rocas ornamentais. Esta dirección xeral considera necesario para inscribir unha empresa como transportista de RNPI que o interesado presente a seguinte documentación: Documento Requisito (*) a) CIF da empresa ou se é o caso, DNI e CIF do empresario individual. Copia compulsada b) Escritura de constitución ou modificación da sociedade (para persoas xurídicas). Copia compulsada c) Poder do representante legal da empresa. Poder notarial d) Declaración das actividades de xestión que se van realizar. Asinada polo representante legal e) Declaración do tipo de residuo e cantidade anual que se vai transportar. Códigos LER 010413 Residuos de corte e serrado de pedra f) Declaración da zona de cobertura a área territorial á que se circunscribe a actividade. Asinada polo representante legal g) Indicación do destino dos residuos. Documentos de aceptación por parte do receptor dos lodos e dun xestor de RNPI h) Póliza de seguro da empresa transportista por unha contía mínima de 1.772 A por cada sinistro. Cubrirá os riscos da actividade e as indemnizacións polos posibles danos causados a terceiras persoas ou ás súas cousas derivado do exercicio da actividade, así como os custos de reparación e recuperación do medio ambiente alterado. i) Tarxeta de transporte Obrigas do transportista de RNPI de elaboración de rocas ornamentais: -Levar un rexistro documental de cada partida transportada con indicación da data, lugar de orixe, peso estimado, lugar de destino. -Arquivo mínimo de tres anos das copias dos certificados expedidos polo produtor de acordo co modelo do anexo II. * Destinos finais dos RNPI de elaboración de rocas ornamentais. O destino que os produtores poden dar aos RNPI pode variar tendo en conta as posibilidades que o desenvolvemento da técnica permita en cada momento. Deste xeito, os destinos que se propoñen aquí poden ser ampliados na medida en que os estudos de utilización destes residuos dean resultados satisfactorios. a) Xestor autorizado de residuos. A entrega destes residuos a un xestor autorizado exime o seu produtor da responsabilidade da xestión deste residuo. b) Utilización do RNPI en depósitos xeotécnicos. Para a utilización destes RNPI en actuacións de recheo de terreos, esta dirección xeral deberá pronunciarse previamente sobre a idoneidade de cada utilización. Para iso o promotor da actuación presentará a esta dirección xeral: -Unha descrición do terreo onde se pretenda a utilización, detallando plano da situación, coordenadas onde se sitúa o terreo e as súas características topográficas, capacidade do oco, e detalle dos cursos fluviais existentes no contorno. -Un certificado de idoneidade de que RNPI é adecuado cuantitativa e cualitativamente para o uso que se pretenda, expedido pola dirección facultativa da obra ou do proxecto en que se pretenda utilizar. -Documentación acreditativa da dispoñibilidade do terreo onde se pretenda a actuación. -Con periodicidade trimestral deberá presentar unha relación das entradas dos materiais en cada un dos espazos onde se utilice, con indicación das cantidades, tipo de residuos e localización do espazo de destino. O pronunciamento sobre a idoneidade outorgarase despois de que esta dirección xeral xire visita de comprobación da adecuación do terreo á actuación pretendida. c) Utilización do RNPI como material de restauración dunha canteira. No caso de que se pretenda a súa utilización no marco dun plan de restauración dunha canteira, deberá presentarse a aprobación do proxecto de restauración da concesión da explotación pola Consellería de Innovación, Industria e Comercio. d) Utilización do RNPI como materia prima secundaria. Na medida en que os estudos que actualmente se veñen realizando sobre a utilización deses residuos sexan satisfactorios, a utilización do RNPI estará sometida á intervención da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental necesaria para controlar a afección ambiental da utilización, o control periódico das características do residuo, e para coñecer a cantidade de residuos que se están utilizando. En todo caso esta dirección xeral deberá pronunciarse sobre a idoneidade da utilización. Para iso o interesado deberá presentar, con carácter previo a cada actuación, unha memoria na que se indiquen os seguintes datos: -O tipo de actuación. -Cantidades de RNPI que se van utilizar. -Un certificado expedido pola dirección facultativa do proxecto de que o RNPI é adecuado para o uso que se pretenda. Con periodicidade semestral deberá presentar unha relación das entradas dos materiais en cada unha das actuacións onde se utilice o residuo. Esta instrución técnica ten o carácter de documento de referencia técnica para a adecuada xestión dos residuos obxecto do seu contido non tendo carácter normativo, e estando en todo caso supeditada ao que prevexan as normas que se diten nesta materia. Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2004. J. Manuel Álvarez-Campana Gallo Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental
Data norma: 02-06-2005
Organismo: CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE
Ámbito Normativo: Autonómica
Rango legal: OUTROS
Clasificación:
RESIDUOS PERIGOSOS
Derrogada por :
Título | Data publicación |
---|
Título | Data publicación |
---|
Título | Data publicación |
---|