Inicio Listado novas O Parque Nacion...

O Parque Nacional das Illas Atlánticas e Meteogalicia amplían a súa colaboración para a observación e seguimento do medio natural

Novas

O arquipélago das Cíes conta desde inicios deste mes de agosto con tres novas cámaras de alta resolución para observar este grupo de illas en tempo real, froito da colaboración entre o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e Meteogalicia. Dúas destas cámaras están situadas no Faro das Cíes (unha orientada ao norte e outra ao sur), e a terceira preto da praia de Rodas. As imaxes destas cámaras son de libre acceso en Internet, a través da web de Meteogalicia, no apartado Observación - Cámaras. Para facilitar o seguimento marítimo e terrestre, e complementar os datos rexistrados polas súas estacións meteorolóxicas e as súas boias oceanográficas, Meteogalicia instalou cámaras web en tres dos arquipélagos do parque nacional. Ademais das Illas Cíes, hai cámaras en Ons e Sálvora, que permiten observar o estado do ceo e do océano, ademais de ofrecer unhas vistas espectaculares da entrada de néboas, a formación de tormentas ou postas de sol e a lúa. Este sistema de cámaras, que proporciona unha imaxe cada dous minutos e tamén se realiza un vídeo do día actual e do día anterior, complementa o funcionamento de observación e seguimento da atmosfera e do océano despregado no parque nacional por Meteogalicia.

Ligazón